Pestanas principais

Aberto o prazo para inscribirse nos cursos que acollerá o próximo trimestre a aula de informática do Milladoiro

Mércores, 11 de xaneiro de 2012

[11-01-2012] Hoxe comeza o prazo de inscrición para acudir aos cursos que se impartirán durante os meses de xaneiro, febreiro e marzo na aula de informática de Milladoiro. A programación desta aula situada na Casa da Cultura de Milladoiro para o inverno 2012 xa está pechada e dende o día 11 de xaneiro todos aqueles que o desexen poderanse inscribir na propia aula de luns a venres de 16.00h a 20.00h. No mes de xaneiro impartirase un curso de iniciación a internet, no mes de febreiro a aula acollerá un obradoiro de elaboración de diapositivas de Entroido; e xa en marzo impartirase un curso de iniciación a Windows e ao procesador de textos Writer. Os veciños e veciñas de Ames que estean interesados nos cursos deben inscribirse canto antes pois as prazas son limitadas.

A programación da aula de informática para o primeiro trimestre de 2012 comeza cun curso de iniciación a Internet que se celebrará dende o día 25 ao día 31 de xaneiro en horario de 10.00 a 11.30 ou de 18.00 a 19.30. O número de prazas para este curso é de 10 e a duración do mesmo é de sete horas e media. O curso é gratuíto e está destinado ás persoas maiores de 18 anos sen coñecementos previos de informática.

Xa no mes de febreiro impartirase un curso de elaboración de diapositivas de Entroido. Os destinatarios deste curso son os nenos e nenas de 8 a 12 anos interesados en aprender a manexar un programa de elaboración de diapositivas. Este curso celebrarase dende o día 13 ao 17 de febreiro en horario de 18.00h a 19.00h e a súa duración será de 5 horas. O curso é gratuíto e o número de prazas coas que conta é de 10.

En marzo celebrarase un curso de iniciación a Windows e ao procesador de textos Writer. O curso durará dende o día 2 ao 30 de marzo e levarase a cabo nos horarios de 10.00 h a 12.00 h ou de 19.00 h a 21.00h Os destinatarios deste curso son os maiores de 18 anos sen coñecementos de informática. A duración deste curso é de 40 horas e ao contrario que os anteriores este non será de balde, custará 10 euros. As prazas para asistir tamén están limitadas a 10.

Balance do funcionamento da aula durante o ano 2011

O pasado ano 2011 a Aula de Informática de Milladoiro rexistrou case 2.481 usuarios e usuarias e o número de socios aumentou en 74 persoas, polo que a aula conta xa con 1.319 socios e socias. O número de usuarios aumentou este ano respecto ao ano pasado, poida que isto se deba a que algunhas familias prescindiron de ter o servizo de Internet nas súas casas ao telo gratis na aula.

Durante as horas de Aula Aberta calquera persoa que estea empadroada no Concello pode facer uso da aula de informática. Para iso debe cubrir unha ficha cos seus datos persoais e entregar unha foto para obter o carné de usuario/a. A persoa encargada da aula daralle un número de usuario e explícalle a norma. Normalmente as horas de Aula Aberta son polas tardes, de 16.00 h a 20.00h durante o período de setembro a xuño, e nos meses de xullo e agosto abre de 10.00 a 13.00h; neste tempo os usuarios poden entrar na aula e facer traballos persoais; crear ou consultar o correo electrónico, ler o xornal, xogar, buscar información...na aula sempre está a persoa encargada da súa xestión para aclarar dúbidas e levar o control dos usuarios.

Durante o ano 2011 fixéronse vairas actividades, obradoiros e xornadas nesta aula. Entre elas están as xornadas de Iniciación a Internet, un obradoiro de realización de presentacións para nenos, xornadas de iniciación a Internet para o Clube de Xubilados e pensionistas do Milladoiro, actividades coas novas tecnoloxías no Nadal... Ofertáronse actividades para tódolos públicos ás que asistiron máis de 100 persoas.