Pestanas principais

Aberto o prazo para inscribirse no VIII Certame de Fotografía Comercial da Asociación de Empresarios de Novo Milladoiro

Martes, 08 de novembro de 2022

A Asociación de Empresarios de Novo Milladoiro organiza un ano máis o seu certame fotográfico, en colaboración coa Concellaría de Promoción Económica do Concello de Ames. A temática do concurso xira en torno ao propio parque empresarial e a actividade económica que alí se desenvolve. Pódese participar enviando unha soa imaxe por persoa, que deberá ser remitida ao enderezo electrónico certamefotografico@aenovomilladoiro.com xunto co título da obra e os datos persoais do autor (nome e apelidos, data de nacemento, número de carné de identidade, dirección, correo electrónico e teléfono de contacto). O prazo para enviar os arquivos está aberto ata o 22 de novembro. As bases do concurso pódense consultar premendo nesta ligazón.

Xa está en marcha a VIII edición do concurso de fotografía comercial que organiza anualmente a Asociación de Empresarios de Novo Milladoiro, e que ten como obxectivo que os cidadáns de Ames coñezan a actividade das empresas que están situadas no parque. No certame pode participar calquera persoa interesada na fotografía, tomando unha imaxe da actividade económica que alí se desenvolva. Está permitido retratar as instalacións, o equipo humano, os produtos e mesmo os eventos que se desenvolvan no polígono.

Para tomar as imaxes pódese empregar calquera enfoque e estilo, pero primando un enfoque comercial. Permitirase que sexan en branco e negro e que estean retocadas, aínda que sen engadir ou modificar elementos que modifiquen a súa composición orixinal. Os arquivos deberán ser enviados en formato JPEG ou JPG.

Na categoría de adultos (para maiores de 18 anos) repartiranse tres premios: o primeiro está dotado con 500 euros, o segundo con 400 e o terceiro con con 300. Na categoría infanto-xuvenil entregaranse vales para gastar en material de papelaría (o primeiro clasificado gañará un bono por 75 euros, mentres que o segundo e o terceiro recibirán vales por 50 e 40 euros).

Os gañadores coñeceranse nunha gala de entrega de premios que terá lugar o día 22 de decembro ás 20:30 horas na Casa da Cultura do Milladoiro. Ademais, todas as fotografías serán expostas na propia Casa da Cultura e na sede da asociación, así como difundidas a través de Instagram e Facebook.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Plazo para enviar las mejores fotos de Novo Milladoiro hasta el día 22"

AMS GO!: "Convocado o VIII Certame de Fotografía Comercial da Asociación de Empresarios de Novo Milladoiro"

O prazo para anotarse ao certame pecha o día 22 de novembro

Multimedia

  • Aberto o prazo para inscribirse no VIII Certame de Fotografía Comercial da Asociación de Empresarios de Novo Milladoiro