Pestanas principais

Aberto o prazo para inscribirse no curso de comunicación en lingua de signos A1.2

Venres, 20 de setembro de 2024

A Concellaría de Mocidade continua apostando pola formación da mocidade en comunicación en lingua de signos. Deste xeito, convocou un novo curso de lingua de signos (LSE) para a poboación moza. A formación impartirase nos meses de outubro e novembro na Casa da Cultura do Milladoiro. Para participar, é imprescindible ter superada e acreditada a formación en LSE nivel A1.1. As persoas interesadas en inscribirse poden facelo enviando este impreso debidamente cuberto e asinado ao enderezo electrónico xuventude@concellodeames.gal ata o 22 de setembro. As prazas son limitadas.

Dentro do programa formativo Lidera2, da Concellaría de Xuventude de Ames, convócase un novo curso destinado á poboación moza do concello interesada en seguir formándose en lingua de signos. A través desta formación preténdese que a mocidade poida dar continuidade a adquisición das ferramentas necesarias para o desenvolvemento das principais destrezas comunicativas das linguas viso-xestuais, polo que se afianzarán as competencias adquiridas na formación A1.1.

O curso impartirase os días 3, 10, 17, 24 e 31 de outubro; e 7, 14, 21, 26 e 28 de novembro. Será na Casa da Cultura do Milladoiro, en horario de 16:30 a 19:30 horas. A formación consta de 30 horas lectivas, que seguirán a organización curricular e pedagóxica establecida polo Marco Común Europeo de Referencia para as linguas (MCER), correspondente ao nivel de competencia A1.2.

Trámite de inscrición
Poden anotarse todos/as os/as mozos/as empadroados no Concello de Ames, entre os 16 e os 35 anos, que posúan o certificado acreditativo do curso de comunicación en LSE nivel A1.1 do Marco Común Europeo de Referencia para as linguas. Para inscribirse será necesario enviar a ficha que se pode descargar premendo nesta ligazón ao enderezo electrónico xuventude@concellodeames.gal, entre o 17 e o 22 de setembro. Hai 20 prazas dispoñibles, que se completarán por orde de entrada do impreso de inscrición.

En caso de non completarse as prazas, poderán participar na actividade todas as persoas maiores de idade do Concello de Ames. Será preciso contar cun mínimo de 11 mozos/as para desenvolver o curso. En caso contrario, o Concello de Ames poderá anular a actividade.

Aberto o prazo para inscribirse no curso de comunicación en lingua de signos A1.2

Multimedia

  • Aberto o prazo para inscribirse no curso de comunicación en lingua de signos A1.2