Pestanas principais

Aberto o prazo para inscribirse nas prazas libres da Escola Municipal de Teatro de Ames

Martes, 06 de setembro de 2022

Dende este luns 5 de setembro volve estar aberto o prazo para novas inscricións na Escola Municipal de Teatro de Ames, co fin de que aquelas persoas que o desexen poidan formalizar a súa inscrición e ocupar os 29 ocos que restan nos diferentes grupos. Para inscribirse, cómpre cubrir o impreso normalizado e presentalo na Sede electrónica. Tamén se poderá presentar no Rexistro presencial nas oficinas de Bertamiráns e do Milladoiro solicitando cita previa. Para dispor de máis información pódese consultar o trámite ao completo na web municipal. As clases comezan o martes 20 en Bertamiráns e o mércores 21 no Milladoiro.

A Concellaría de Cultura do Concello de Ames puxo en funcionamento en 2021 a Escola Municipal de Teatro. Tras o primeiro curso, nos meses de xuño e xullo estiveron abertas dúas convocatorias para a renovación de prazas e para as novas inscricións nos grupos nos que quedaron ocos. Agora, e coa entrada no mes de setembro, reábrese o prazo de inscrición para as vacantes aínda dispoñibles.

En total restan unhas 29 prazas libres, repartidas entre as diferentes franxas de idade e as dúas localidades nas que se imparten as clases, Bertamiráns e O Milladoiro. Deste xeito, para o grupo de teatro infantil e xogo dramático de 3 a 6 anos hai 6 prazas libres en Bertamiráns e 8 no Milladoiro; para o grupo de 7 a 12 anos hai 1 praza unicamente no Milladoiro; para o grupo de máis de 12 anos hai 2 vacantes en Bertamiráns e 8 no Milladoiro e, por último, no grupo municipal, que é para maiores de 18 anos, quedan 4 prazas libres. Todas as clases son de unha hora á semana, agás a do grupo municipal que son dúas horas.

Proceso de inscrición

Para inscribirse haberá que cubrir o impreso normalizado e presentalo no Rexistro Electrónico Xeral do Concello de Ames ou na Sede electrónica do Concello. Tamén se poderá presentar no Rexistro presencial nas oficinas de Bertamiráns e do Milladoiro, solicitando cita previa.

Logo da comprobación por parte do departamento de Cultura da existencia de praza vacante, enviarase á persoa interesada a confirmación de praza e a folla de autoliquidación para que proceda a facer efectivo o pagamento.

No caso de dispor de certificado dixital ou DNI electrónico poderá descargar o documento de pago e aboar o importe a través do enlace da Oficina Virtual Tributaria. Excepcionalmente poderase solicitar o impreso de pagamento de xeito presencial na oficina de Recadación do Milladoiro, na rúa da Viorneira, número 6; ou na oficina de Recadación de Bertamiráns, na praza da Horta de Abaixo, número 6. Tamén se pode solicitar en horario de tarde os luns e mércores, de 16:15h a 18:30 horas. Outra opción é facelo a través do correo electrónico ames@canaltributos.com ou chamando ao número de teléfono 981 884 896. De non facer efectivo o pagamento nos prazos establecidos, tramitarase a baixa inmediata no servizo.

Inscricións ao longo do curso

No suposto de inscricións que se formalicen unha vez comezado o curso, o importe da cota será o resultante de multiplicar a tarifa mensual (incluído o mes da propia inscrición), polo número de meses que restan para rematar o curso.

As baixas deberanse tramitar por escrito e poderá devolverse a cota correspondente en supostos de baixa por forza maior (enfermidade acreditada). Se o alumno/a non acode á clase durante un mes consecutivo e non xustifica por escrito a dita ausencia, poderá darse de baixa de oficio e ofrecerlle a praza a outra persoa.

As clases comezarán o 20 de setembro en Bertamiráns e o 21 de setembro no Milladoiro e rematarán a última semana de xuño de 2023. Para formar grupo será necesario que se cubran a metade máis unha do máximo de prazas ofertadas. Para dispor de máis información pódese chamar aos números de teléfono 981 535 940 ou 662 377 444, ou enviar un correo electrónico ao enderezo cultura@concellodeames.gal.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Últimas 29 vacantes na Escola Municipal de Teatro para empezar este mes"

Aberto o prazo para inscribirse nas prazas libres da Escola Municipal de Teatro de Ames