Pestanas principais

Aberto o prazo para inscribirse na primeira edición do concurso de decoración de Samaín

Sábado, 05 de outubro de 2024

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Promoción Económica, informa que dende este sábado, 5 de outubro, está aberto o prazo de inscrición para participar na primeira edición do concurso de decoración de Samaín. Tratase dunha nova iniciativa que se pon en marcha por primeira vez para fomentar o comercio local de Ames nunha das noites de maior consumo de todo o ano xunto coa de fin de ano. Repartiranse 2.000 euros en premios: 1.000 euros para o primeiro, 600 para o segundo e 400 para o terceiro. A decoración deberá estar exposta como mínimo dende o luns 28 de outubro ata o domingo 3 e novembro. O último día de presentación de solicitudes será o 20 de outubro. O motivo e decoración dos escaparates terán como tema principal a festa do Samaín.

A Concellaría de Promoción Económica pon en marcha unha nova iniciativa para fomentar o comercio local de Ames. Este concurso xorde por petición dos propietarios/as dos establecementos comerciais que foron premiados no concurso de decoración e Nadal, que solicitaron máis iniciativas deste tipo para fomentar que a veciñanza visite e merque no comercio local.

O prazo de presentación das solicitudes está aberto dende este sábado 5 de outubro. O extracto das bases do concurso saíu publicado este venres, 4 de outubro, no Boletín Oficial da Provincia. O último día de presentación de solicitudes será o día 20 de outubro de 2024. Non se admitirán solicitudes presentadas fóra do prazo indicado. As solicitudes poderán presentarse mediante instancia xeral acompañada do Anexo I na Sede electrónica do Concello de Ames. Do mesmo xeito, poderán presentarse de forma presencial de luns a venres, en horario de 09:00 a 14:00 horas, nas oficinas de asistencia en materia de rexistro do Concello de Ames (O Milladoiro e Bertamiráns).

Por outra banda, todos os concursantes terán que enviar un vídeo do establecemento decorado, de como máximo 30 segundos, ao correo electrónico amesnarua@gmail.com. O último día de presentación do vídeo será o 29 de outubro de 2024. Soamente se admitirán os vídeos enviados no prazo indicado e para os que conste a solicitude de participación rexistrada no Concello ata o 20 de outubro de 2024.

Condicións de participación
Os motivos e decoración dos establecementos terán como tema a festa de Samaín. Soamente poderá presentarse ao concurso un único proxecto por establecemento. O interior do establecemento así como o escaparate, deberán manter a súa decoración entre os días 28 de outubro de 2024 e o 3 de novembro de 2024.

O importe da convocatoria e dos premios ascende a 2.000 euros que se repartirán do seguinte xeito: 1.000 euros para o primeiro, 600 para o segundo e 400 para o terceiro. O concurso Samaín 2024 tamén está dotado coa cesión de espazos publicitarios gratuítos en Ames Radio durante un mes consecutivo, a determinar de acordo coas necesidades de programación da radio municipal, para os tres gañadores.

Composición do xurado
O xurado estará composto por 3 membros: un/unha representante do voluntariado de Ames; un/unha representante do voluntariado de protección civil de Ames; e un/unha representante da Unión de Consumidores de Galicia. Ademais, un/unha traballador/a da Concellaría de Promoción Económica actuará como secretario/a, con voz pero sen voto.

O xurado valorará os escaparates participantes pola súa capacidade de atracción e xeración do desexo de compra, en base aos criterios de composición e deseño, tendo en conta, ademais, a orixinalidade e a elaboración propia. Do mesmo xeito, valorarase a utilización de elementos propios do obxecto de venda da actividade e materiais de refugallo.

Aberto o prazo para inscribirse na primeira edición do concurso de decoración de Samaín

Multimedia

  • Aberto o prazo para inscribirse na primeira edición do concurso de decoración de Samaín