Pestanas principais

Aberto o prazo para inscribirse ao certame "GaleTiktokers"

Martes, 17 de novembro de 2020

A mocidade do Concello de Ames xa pode inscribirse no novo certame da Consellería de Mocidade e Normalización Lingüística. Trátase do “GaleTiktokers”,unha iniciativa coa que se pretende estimular a creatividade entre a mocidade, animar a creación de vídeos en galego con novos formatos e temáticas e darlle visibilidade á comunidade galega de tiktokers. Poderán participar toda a mocidade a partir de 14 anos, e os seus "Tiktoks" serán valorados por un xurado composto por persoas recoñecidas no ámbito audiovisual galego e nas redes sociais. Para inscribirse no certame deberase enviar ao correo electrónico galetiktokers@gmail.com a ficha de participación cuberta e asinada xunto co vídeo creado. O prazo de inscrición xa está aberto e rematará o vindeiro 30 de novembro de 2020. Os premios entregaranse nun acto público o 18 de decembro de 2020.

Durante todo o mes de novembro, os mozos e mozas amesáns maiores de 14 anos, poderán inscribirse no “GaleTiktokers”, o novo certame do Concello de Ames. O Servizo de Normalización Lingüística e o Departamento de Mocidade organiza este proxecto que pretende estimular a creatividade entre a mocidade, animar a creación de vídeos en galego con novos formatos e temáticas e darlle visibilidade á comunidade galega de tiktokers.

Poderase participar de forma individual ou por parellas, e establécense dúas categorías en función da idade. Na primeira categoría entrarán rapazas e rapaces de 14 a 16 anos, ambas as dúas idades incluídas; na segunda, incluiranse mozas e mozos a partir de 17 anos. No caso de participaren dúas persoas no mesmo vídeo, deberá ser con pantalla compartida para cumprir as normas sanitarias de seguridade; deste xeito, poderase compartir vídeo pero non espazo de gravación.

Premios e xurado
As bases do certame establecen catro premios, dous en cada categoría, de 150 euros cada un deles. Haberá premios do público e premios do xurado. Os premios do público levaranos as pezas que obteñan máis “gústame” no perfil de Instagram @omixames en cada unha das categorías. O resto dos premios decidiraos o xurado que valore todas as pezas participantes. Nesta primeira edición, o certame conta cun xurado de luxo, composto por dous recoñecidos youtubeiros, o Aquel-e e Olaxonmario, e pola presentadora do programa da TVG Dígocho Eu, Esther Estévez. Estes tres especialistas valorarán os vídeos, tanto na forma como no contido, tendo en conta aspectos como a orixinalidade, a creatividade, a claridade e a calidade lingüística.

Características e condicións dos vídeos
Os vídeos que se creen para este certame teñen que estar en lingua galega e deben ser de creación propia, a través da aplicación TikTok. Será obrigatorio que a lingua teña presenza, xa sexa de xeito oral, escrito ou musical. As pezas, de temática libre, deben ter unha duración comprendida entre 15 e 60 segundos. Non se admitirán vídeos que promovan unha mensaxe violenta, denigrante ou ofensiva. Poderanse crear pezas audiovisuais relacionadas coa música, o humor, o baile, a interpretación, os efectos especiais, o deporte, etc.

Prazo e procedemento de inscrición
Para inscribise no certame GaleTiktokers deberase enviar ao enderezo galetiktokers@gmail.com un correo electrónico no que se axunte a ficha de participación cuberta, asinada (no caso de menores de idade asinarán os/as representantes legais) e acompañada dos documentos requiridos nela. Ademais, débese engadir o vídeo co que se participa no certame. A organización comprobará que se cumpren os requisitos e validará a inscrición a través dun correo de confirmación. O prazo de inscrición xa está aberto e rematará o vindeiro 30 de novembro de 2020.

Todas as pezas admitidas subiranse ao Instagram da OMIX de Ames (@omixames) co cancelo #galetiktokers. Para poder votar será necesario ser seguidor ou seguidora do Instagram da OMIX de Ames. O prazo de votación para determinar os premios do público estará aberto dende o día 2 ata o 8 de decembro, ás 23:59 horas.

O Concello de Ames reserva o dereito de empregar os vídeos participantes na promoción do proxecto Galetiktokers en calquera das súas edicións.

Para resolver calquera dúbida ou obter máis información, pódese enviar un correo electrónico aos enderezos normalizacion@concellodeames.gal / omix@concellodeames.gal ou chamar aos números de teléfono 662 377 215 / 616 083 229.

Galetiktokers.

Multimedia

  • Galetiktokers.
  • Bases Galetiktokers.