[04-10-2018] O próximo mércores, 10 de outubro, terá lugar unha nova Foliada con Apego. Será, ás 18.00 horas, no Pazo da Peregrina de Bertamiráns. A actividade, dirixida tanto a familias con crianzas como a calquera persoa á que lle guste a música tradicional, busca construír un espazo de socialización en galego onde poder compartir, cantar, bailar e aprender cancións tradicionais galegas. Para participar é preciso inscribirse previamente a través do enderezo de correo electrónico normalizacion@concellodeames.gal, indicando o número de participantes, o seu nome e apelidos, as idades e un teléfono de contacto. O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o próximo martes, 9 de outubro.
A Foliada é a ocasión idónea para coñecerse, compartir, cantar, bailar e aprender cancións galegas, no que as crianzas e as persoas que participan se van introducindo no canto e no baile tradicional dun xeito espontáneo e natural. Quen toque algún instrumento tradicional pode traelo para axudar a facer festa, pero sobre todo, recoméndase vir con ganas de cantar, bailar, coñecer xente e, sobre todo, pasalo ben.
Este encontro celebrarase o próximo mércores, 10 de outubro, no Pazo da Peregrina de Bertamiráns entre as 18.00 h e as 20.00 horas. A través desta iniciativa búscase tamén promover o encontro interxeracional, por iso, ademais de a familias con cativos, a actividade ábrese a calquera persoa que lle guste a música e lle apeteza pasar un anaco cantando, tocando e bailando. Así, a Foliada está dirixida a familias con nenos/as sen límite de idade, pero tamén pode acudir calquera persoa á que lle guste cantar e bailar.
As Foliadas con Apego xurdiron a partir dunha proposta realizada polas familias que fan parte do proxecto do “Apego” no Concello de Ames. O programa procura acompañar e apoiar ás familias na transmisión do galego ás crianzas durante os seus primeiros anos de vida, reforzando a identidade en relación á familia e ás súas raíces a través de xogos, contacontos, festas, xornadas de convivencia e outras actividades. O obxectivo das Foliadas con Apego é achegar a musica tradicional galega ás nenas e nenos, ao tempo que se promove un espazo de encontro e socialización en galego. En Ames, xa son máis de 130 as familias adheridas ao programa, que botou a andar en setembro de 2016.
As persoas interesadas en participar na Foliada con Apego deberán inscribirse a través dun correo ao enderezo de correo electrónico normalizacion@concellodeames.gal, no que deberán indicar o número de persoas participantes, os seus nomes e apelidos, así como a idade e un teléfono de contacto. O prazo de inscrición rematará o vindeiro martes, 9 de outubro. Para obter máis información, pódese chamar ao número de teléfono 662 377 215. A entrada será de balde ata completar aforo.





