Pestanas principais

Aberto o prazo de solicitude de axudas para a promoción de festas populares e actividades culturais

Luns, 23 de marzo de 2026

A Xunta de Goberno Local do Concello de Ames aprobou o pasado 5 de marzo as convocatorias de subvencións para a promoción de festas populares e actividades levadas a cabo polas asociacións culturais no exercicio 2026. O prazo para solicitar estas axudas, que suman unhas contías de 30.000 euros para as actividades culturais e de 25.000 euros para as festas populares, estará aberto ata o 10 de abril. Premendo nestas ligazóns pódese obter máis información sobre a convocatoria para as festas populares e para as actividades levadas a cabo por asociacións culturais.

Desde o pasado 12 de marzo, as asociacións culturais e veciñais e as comisións de festas de Ames poden solicitar axudas para a promoción de actividades culturais e festas populares, cuxa contía suma neste 2026 uns 55.000 euros. O prazo para presentar as solicitudes rematará o venres 10 de abril. Disporán de 30 días naturais a contar dende o día seguinte da publicación das convocatorias no Boletín Oficial da Provincia (BOP). 

Actividades organizadas por asociacións culturais
O Concello de Ames, a través da Concellaría de Cultura, destina á realización de actividades levadas a cabo por parte de asociacións culturais un total de 30.000 euros. Poden optar a estas subvencións as asociacións culturais ou veciñais do concello de Ames que realicen actividades de índole cultural. Estas asociacións deben estar legalmente constituídas e deben figurar inscritas no rexistro municipal de asociacións, cos datos de inscrición debidamente actualizados.

Cumpridas estas condicións, poderán obter ata un máximo do 80% do orzamento total das actividades culturais desenvolvidas, así como da adquisición de material inventariable ou o alugueiro dos locais utilizados para o desenvolvemento das actividades. Neste último suposto, no caso de retención do IRPF, terán que presentar o xustificante da declaración correspondente na Axencia Tributaria e o xustificante de pagamento.

O importe individual das achegas concedidas non poden superar os 7.500 euros. Os obxectivos desta liña de axudas son achegar a cultura ao maior número de persoas e promover unha vida cultural estable no concello de Ames, non só con actividades programadas pola propia administración, senón tamén pola propia veciñanza e por entidades do ámbito privado.

Promoción de festas populares
Por outra parte, para a promoción de festas populares reservarase unha contía de 25.000 euros, á que poderán optar aquelas asociacións culturais ou veciñais amesás que estean legalmente constituídas e que figuren inscritas no rexistro municipal de asociacións, cos datos de inscrición actualizados.

Os obxectivos primordiais desta liña de axudas son favorecer a existencia dunha programación festiva estable dentro do ámbito territorial do Concello de Ames, na que a veciñanza participe de forma activa, preservar as tradicións existentes e difundir a imaxe de Ames a través da súa oferta festiva, de xeito que esta sirva de dinamización para as parroquias e de atracción de visitantes en vindeiras ocasións.

O importe individual das axudas dependerá dos habitantes censados en cada lugar ou parroquia en que se celebren os festexos, de acordo ao baremo que figura nas bases. Deste xeito, a achega máxima poderá ser de 1.000, 2.000 ou 6.500 euros, dependendo de se a parroquia ten menos de 500, entre 500 e 3.000, ou máis de 3.000 habitantes, respectivamente. As actividades poderán ser subvencionadas ata un máximo do 50% do orzamento total.

Presentación de solicitudes
As solicitudes, xunto co resto da documentación, presentaranse na Sede electrónica do Concello de Ames, ou ben a través do Rexistro electrónico do Punto de Acceso Xeral do Estado (REC). Para máis información, pódese contactar co departamento de Cultura, chamando ao teléfono 662 377 444 ou escribindo ao enderezo electrónico cultura@concellodeames.gal

Aberto o prazo de solicitude de axudas para a promoción de festas populares e actividades culturais