Pestanas principais

Aberto o prazo de presentación de propostas para os Orzamentos Participativos de 2018

Martes, 17 de abril de 2018

[17-04-2018] Este luns, 16 de abril, abriuse o prazo para que calquera veciña/o poida presentar propostas para os Orzamentos Participativos de 2018 no Concello de Ames. Todas as persoas que o desexen poderán facer as súas achegas ata o 16 de maio. As propostas presentaranse a través do formulario de propostas e poderán entregarse directamente no Rexistro municipal (presencial ou telematicamente) ou nas Asembleas Informativas (que se rexistrarán posteriormente). Asemade, onte comezaron as asembleas informativas que se desenvolverán ata o 27 de abril. Este ano 2018, o goberno municipal destina 192.000 euros para que a veciñanza de Ames faga propostas e decida o seu gasto (132.0000 euros para o rural e 60.000 euros para a mocidade).


Este luns, 16 de abril, a concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, acompañada da técnica de Mocidade e persoal técnico da empresa Cidadanía, achegáronse aos institutos de Bertamiráns e do Milladoiro, para tomar contacto coas mozas/os, e en colaboración cos equipos directivos dos centros, dar a coñecer a iniciativa dos Orzamentos Participativos para a mocidade. Deste xeito, presentáronlles a devandita campaña e explicáronlles en que consiste dita iniciativa. Asemade, explicóuselles que se están realizando unha serie de asembleas informativas para á mocidade e para a veciñanza do rural. Aproveitando esta visita realizáronse obradoiros de creación de ideas para conseguir que as mozas e mozos participen deste proxecto. As xuntanzas desenvolvidas nos institutos tiveron moi boa acollida. A mocidade amosou o seu interese nesta nova iniciativa que é a primeira vez que se fai no Concello de Ames.

Pola tarde, desenvolveuse a primeira asemblea informativa da mocidade na Casa do Concello, ás 19:00 horas, á que asistiron o alcalde, José Miñones, a concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, a concelleira de Mocidade, Silvia Dapena, a concelleira de Participación e Atención Veciñal, Isabel González, o concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, a técnica do departamento de Mocidade, persoal de confianza do goberno e persoal técnico da empresa Cidadanía. Nesta primeira asemblea as mozas/os e nais/pais fixeron varias propostas innovadoras que se debateron entre todas/os (construción dun espazo multidisciplinar, cine de verán, ocio nocturno, festival de música local, xornadas interculturais de mocidade, talleres de ecoloxía e consumo responsable, etc). Agora, estas propostas, entre outras moitas, terán que ser presentadas, valoradas e votadas, seleccionando aquelas que consigan a maior puntuación.

Todas as persoas que o desexen poderán facer as súas achegas ata o 16 de maio. Todas as persoas poden informarse nas dependencias municipais, dirixíndose ao departamento de Servizos Económicos e á Oficina de Información Xuvenil (OMIX). Para elo hai que chamar ao número de teléfono do Concello (981 883 002) e dicir que lles pasen con ditos departamento. Tamén se informará nas Asembleas Informativas e na propia web do Concello (www.concellodeames.gal). As propostas presentaranse a través do formulario de propostas e poderán entregarse directamente no Rexistro municipal (presencial ou telematicamente) ou nas Asembleas Informativas (que se rexistrarán posteriormente).

Asembleas informativas ata o 27 de abril
A seguinte asemblea informativa para a mocidade será o luns, 23 de abril, ás 19:00 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro. A maiores a mocidade tamén poderá participar nas diferentes asembleas do rural que se desenvolverán entre o 17 e o 27 de abril nos locais sociais da Ameixenda, Covas, Augapesada, Agrón, Trasmonte, Tapia, Piñeiro, Ortoño, Biduído, Bugallido, Oca e Lens. Posteriormente, faranse asembleas de votación, do 25 de xuño ao 5 de xullo, para a mocidade e para o rural nas Casas da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro, así como nos locais sociais das parroquias do rural. Deste xeito, as propostas que acaden maior número de votos incorporaranse ao Orzamento municipal para ser realizadas en 2018.

Este ano 2018, o goberno municipal destina 192.000 euros para que a veciñanza de Ames faga propostas e decida o seu gasto. A contía de 132.000 euros repartidos en partes iguais (12.000 euros) por cada unha das 11 parroquias para investimentos no rural: Lens, Tapia, Piñeiro, Ameixenda, Trasmonte, Agrón, Covas, Bugallido, Ames, Biduído e Ortoño. Ademais, 50.000 euros destinaranse a dous investimentos para o acondicionamento de dous espazos abertos dirixidos a mocidade, localizados un en Bertamiráns (25.000 €) e outro no Milladoiro (25.000 €) e 10.000 euros destinaranse a actividades ou programas dirixidos á mocidade do Concello.

A concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, detacou “o obxectivo é achegar as nosas mozas/os ao noso Concello e que participen das institucións e poidan propoñer e decidir que é o que queren e como o queren, participando directamente da xestión municipal. Tamén outro dos obxectivos que pretendemos conseguir é que se cree un tecido asociativo xuvenil, moi escaso hoxe en día no noso Concello, a pesares de ser un dos concellos con poboación máis nova. Esta iniciativa debe servir para fomentar ese tecido e agrupar a mocidade en busca dos seus intereses colectivos para conseguir facer comunidade”.

Comisión de Orzamentos Participativos de Mocidade
Acordouse nomear unha comisión de Orzamentos participativos 2018 para a Mocidade, que traballara de xeito paralelo para valorar os investimentos e actividades asociadas á mocidade, por entender que podería ser máis operativo que traballar de xeito conxunto todo nunha soa comisión. Na asemblea informativa deste luns xa se anotaron 10 mozas/os para formar parte da Comisión de Orzamentos Participativos de Mocidade, que será a que fará un seguimento do proceso e traballará en colaboración coa técnica de mocidade, persoal da empresa Cidadanía e membros do goberno. Esta comisión completarase con mozos/os que acudan a asemblea informativa que se realizará no Milladoiro e se apunten de xeito voluntario.


Contido relacionado


El Correo Gallego: "Plazo para el presupuesto participativo amiense y el foro de movilidad Impulsa"
La Voz de Galicia: "Ames abre el plazo para las propuestas de las cuentas participativas"