Pestanas principais

Aberto o prazo de presentación de propostas para os Orzamentos Participativos de 2018

Mércores, 18 de abril de 2018

[18-04-2018] O prazo de presentación de propostas pechará o vindeiro 16 de maio. Todas as persoas que queiran informarse sobre o proceso poden achegarse ata as dependencias municipais, dirixíndose ao departamento de Servizos Económicos ou á Oficina de Información Xuvenil (OMIX). Para elo hai que chamar ao número de teléfono do Concello (981 883 002) e dicir que lles pasen con ditos departamento. Tamén se informará nas Asembleas Informativas e na propia web do Concello (www.concellodeames.gal). As propostas presentaranse a través do formulario de propostas e poderán entregarse directamente no Rexistro municipal (presencial ou telematicamente) ou nas Asembleas Informativas (que se rexistrarán posteriormente).

Asembleas de votación 
As asembleas de votación realizaranse entre o 25 de xuño e o 5 de xullo, para a mocidade e para o rural, nas Casas da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro, así como nos locais sociais das parroquias do rural. Deste xeito, as propostas que acaden maior número de votos incorporaranse ao Orzamento municipal para ser realizadas en 2018. 

Orzamentos participativos para a mocidade
Así mesmo, acordouse nomear unha comisión de Orzamentos participativos 2018 para a Mocidade, que traballará para valorar os investimentos e actividades asociadas á xuventude. Calquera persoa pode facer propostas de investimentos, actividades ou programas. Para votar as propostas hai que estar empadroado en Ames e con 16 anos cumpridos. No caso dos investimentos e actividades para a mocidade só poderán votar as persoas que teñan como máximo 30 anos.


Unha vez rematado o prazo de presentación de propostas o persoal técnico municipal seleccionará as propostas que sexan viables legal, técnica e orzamentariamente, dende o 21 de maio ata o 18 de xuño. As propostas seleccionadas priorizaranse pola Comisión dos Orzamentos Participativos, formada por representantes de asociacións, persoal técnico municipal e goberno.