Pestanas principais

Aberto o prazo de matrícula na Escola integral de maiores que se imparte no Milladoiro

Venres, 26 de setembro de 2025

O prazo de matrícula na Escola integral de maiores do Milladoiro, coordinada pola Oficina de Voluntariado de Ames e dependente da Concellaría de Benestar Social, xa está aberto. As persoas maiores de 60 anos que queiran participar nesta actividade deberán inscribirse chamando ao teléfono 662 377 044 ou acudir á Oficina de Voluntariado, na Casa da Cultura de Bertamiráns, de 10:00 a 13:00 horas. Nestas clases o alumnado adquirirá e repasará coñecementos como a lectura, a escritura ou as contas matemáticas básicas dun xeito dinámico. As clases comezarán o vindeiro venres, 3 de outubro, e rematarán a finais de xuño.

As persoas interesadas en participar na Escola integral de maiores do Milladoiro xa se poden inscribir. As clases impartiranse os mércores e venres, en horario de 17:00 a 18:30 horas, na Casa dos Maiores do Milladoiro (local de JUPEMI).

Para reservar praza ou solicitar máis información, as persoas interesadas poden chamar ao teléfono 662 377 044, ou acudindo á Oficina de Voluntariado, situada na Casa da Cultura de Bertamiráns, en horario de 10:00 a 13:00 horas. O prazo permanecerá aberto ata o mes de xaneiro, sempre e cando haxa prazas dispoñibles.

A Escola integral de maiores é un espazo para aprender, divertirse e compartir no que se ofrecen clases para todas aquelas persoas de Ames que non tiveron oportunidade de continuar a súa educación básica. Os dous mestres voluntarios repasarán co alumnado a lectura e comentario de textos, a escritura ou conceptos matemáticos sinxelos. Ambos teñen experiencia na materia.

A poesía ou a música, un chisco de historia ou xeografía tamén serán temas a tratar nas clases, que se complementarán con charlas ou saídas. O curso rematará cun acto a finais do mes de xuño nun dos centros socioculturais que preparará o propio alumnado, ao que se lle entregará un diploma acreditativo. 

A concelleira de Benestar Social e Voluntariado, Uxía García, destaca que “este é un programa que funciona moi ben e que, ano tras ano, nos achega moita satisfacción. A escola de maiores non é só para estudar, senón que tamén é unha actividade de socialización e empoderamento a través da aprendizaxe e a adquisición de competencias básicas”.

Novas relacionadas: 

Diario de Santiago: "Aberto o prazo de matrícula na Escola integral de maiores que se imparte no Milladoiro"

Aberto o prazo de matrícula na Escola integral de maiores que se imparte no Milladoiro

Multimedia

  • Aberto o prazo de matrícula na Escola integral de maiores que se imparte no Milladoiro