[29-11-2016] O Concello de Ames volve convocar o ''Concurso de Escaparates do Concello de Ames Nadal 2016''. Os comercios participantes deberán engalanar os seus escaparates con motivos relacionados co Nadal, prestando atención á orixinalidade para conseguir a atracción do público. O prazo de inscrición estará aberto ata o día 9 de decembro. Os escaparates deberán estar expostos entre os días 12 de decembro de 2016 e o 6 de xaneiro de 2017. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter as bases e o impreso de inscrición neste concurso.
Os titulares dos comercios que queiran participar terán que entregar o impreso de solicitude no rexistro da Casa do Concello, en Bertamiráns, ou das Oficinas Municipais de Milladoiro, de luns a venres, en horario de 9:00 a 14:00 horas. O prazo de inscrición rematará o día 9 de decembro. A inscrición nesta actividade é totalmente gratuíta.
Os escaparates deberán estar expostos entre os días 12 de decembro de 2016 e o 6 de xaneiro de 2017. Aqueles escaparates que non se atopen montados no momento da visita dalgunha das persoas que forman parte do xurado quedarán excluídos do concurso. O xurado estará composto por un representante de cada unha das asociacións de comerciantes do concello, un asistente designado pola Alcaldía e un secretario, seleccionado entre o persoal da concellería de Promoción Económica.
O fallo do xurado darase a coñecer o día 19 de decembro de 2016. O primeiro, segundo e terceiro establecemento clasificados recibirán, respectivamente, 1000, 700 e 400 euros. A maiores deste galardón económico os establecementos competirán polo premio especial do público, que premiará un establecemento do Milladoiro e outro en Bertamiráns. Para iso entregaráselle a cada local 150 boletos a repartir entre a súa clientela. Os resultados das votacións para o Premio Especial do Público serán publicados ao longo do mes de xaneiro de 2017.




