Pestanas principais

Aberto o prazo de inscrición para participar no XI Concurso de Escaparates de Nadal

Sábado, 26 de novembro de 2016

[26-11-2016] O Concello de Ames volve convocar o ''Concurso de Escaparates do Concello de Ames Nadal 2016''. Os comercios participantes deberán engalanar os seus escaparates con motivos relacionados co Nadal, prestando atención á orixinalidade para conseguir a atracción do público. O prazo de inscrición estará aberto ata o día 9 de decembro. Os escaparates deberán estar expostos entre os días 12 de decembro de 2016 e o 6 de xaneiro de 2017. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter as bases e o impreso de inscrición neste concurso.

Os titulares dos comercios que queiran participar terán que entregar o impreso de solicitude no rexistro da Casa do Concello, en Bertamiráns, ou das Oficinas Municipais de Milladoiro, de luns a venres, en horario de 9:00 a 14:00 horas. O prazo de inscrición rematará o día 9 de decembro. A inscrición nesta actividade é totalmente gratuíta.

Os escaparates deberán estar expostos entre os días 12 de decembro de 2016 e o 6 de xaneiro de 2017. Aqueles escaparates que non se atopen montados no momento da visita dalgunha das persoas que forman parte do xurado quedarán excluídos do concurso. O xurado estará composto por un representante de cada unha das asociacións de comerciantes do concello, un asistente designado pola Alcaldía e un secretario, seleccionado entre o persoal da concellería de Promoción Económica.

O fallo do xurado darase a coñecer o día 19 de decembro de 2016. O primeiro, segundo e terceiro establecemento clasificados recibirán, respectivamente, 1000, 700 e 400 euros. A maiores deste galardón económico os establecementos competirán polo premio especial do público, que premiará un establecemento do Milladoiro e outro en Bertamiráns. Para iso entregaráselle a cada local 150 boletos a repartir entre a súa clientela. Os resultados das votacións para o Premio Especial do Público serán publicados ao longo do mes de xaneiro de 2017.

Os boletos, que deberán ser entregados con todos os datos cubertos e asinados no espazo reservado para elo, depositaranse nas urnas colocadas na Casa de Cultura e Casa do Concello, en Bertamiráns, ou na Casa de Cultura e Biblioteca, no Milladoiro entre o 14 de decembro de 2016 e o 5 de xaneiro de 2017. No caso de que algún campo se deixe baleiro, incluída a sinatura, ese boleto será considerado como nulo. Os dous locais máis votados, un en Bertamiráns e outro no Milladoiro, recibirán un talón por valor de 200 euros cada un. Os clientes e clientas que decidan votar participarán no sorteo de tres talóns valorados en 300 euros.

O sorteo terá lugar ao longo do mes de xaneiro de 2017, unha vez rematado o período de Nadal, e no mesmo día en que se realice o reconto de votos que recibiu cada establecemento comercial. Extraeranse 3 boletos, de maneira que cada boleto corresponderá a unha persoa gañadora. Máis tarde volveranse a retirar outros 6 boletos, que serán asignados como suplentes na mesma orde en que foron retirados da urna. As persoas gañadoras dos cheques, así como os suplentes, daranse a coñecer o mesmo día en que se fagan públicos os nomes dos establecementos máis votados polo público.

Xogo de pistas
Ademais, este ano como novidade para esta edición os establecementos participantes no XI Concurso de Escaparates do Concello de Ames Nadal 2016, participarán nun xogo de pistas que consistirá en que a clientela atope unhas fichas agochadas nos establecementos comerciais ata completar uns cartóns premiados con talóns por importe de 500 euros. As regras e condicións do devandito xogo de pistas serán informados unha vez remate o prazo de inscrición.