Pestanas principais

Aberto o prazo de inscrición para participar no obradoiro “Arrolos con Mamá Cabra” que se desenvolverá o vindeiro venres 22 de novembro

Venres, 15 de novembro de 2019

O vindeiro venres día 22 de novembro terá lugar no Pazo da Peregrina de Bertamiráns o obradoiro “Arrolos con Mamá Cabra”. Está programado para as 18.00 horas e está destinado a futuros pais e nais ou familias con crianzas de 0 a 3 anos. A inscrición, dispoñible ata o día 21, realizarase a través do envío dun correo electrónico ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal.

A actividade, organizada pola Concellaría de Normalización Lingüística dentro do programa Apego, será levada a cabo por Gloria Mosquera e Diego Maceiras. Un obradoiro musical no que os/as participantes aprenderán arrolos e cantos de berce cos que adormecer, aleitar, tranquilizar e transmitirlles a lingua ás crianzas... gozando da música nos primeiros días, meses ou anos de vida.

Mamá Cabra é un grupo de música infantil galego que leva anos facendo música para toda a familia. Os seus espectáculos musicais son moi participativos, con música divertida que incorpora valores didácticos, como adquisición de hábitos saudables, ou o desenrolo de capacidades psicomotrices a través do baile e movementos coordinados.

Para formalizar a reserva, é necesario enviar un correo a normalizacion@concellodeames.gal indicando: nome e apelidos das persoas asistentes, a idade das crianzas e un teléfono de contacto. Ademais, recoméndase que todas as familias que asistan leven unha mantiña para poder sentarse.

O programa Apego
Apego é un programa colectivo de varios concellos que promove a transmisión do galego como lingua inicial nas familias con nenos e nenas de 0 a 6 anos, así como axudar á socialización en galego das crianzas.

O programa ofrece información, recursos (tanto virtuais como físicos) e actividades formativas e de lecer tanto para as familias e as crianzas como para os e as profesionais. Ten como destinatarios a familias empadroadas en Ames que agardan un bebé ou que teñen un neno ou nena de entre 0 a 6 anos. Pode solicitarse unha cita, para inscribirse no programa, a través do teléfono 662 377 215. Para ampliar información sobre o programa pode consultarse na súa páxina web.

 

Novas relacionadas:

Compostela 24 horas: "Aberto o prazo de inscrición para participar no obradoiro “Arrolos con Mamá Cabra”

Obradoiro Arrolos con Mamá Cabra

Multimedia

  • Obradoiro Arrolos con Mamá Cabra