Pestanas principais

Aberto o prazo de inscrición para participar na V edición do Trail e Andaina Ribeiras do Tambre, que se celebrará o 17 de marzo

Venres, 16 de febreiro de 2024

O Concello de Ames e a Federación Galega de Atletismo organizan a V edición do “Trail e Andaina Ribeiras do Tambre”, que se desenvolverá o vindeiro domingo 17 de marzo. A saída do trail terá lugar ás 10:00 horas dende Ponte Maceira; cinco minutos máis tarde, e desde o mesmo lugar, sairá a andaina. Para participar é necesario inscribirse a través desta ligazón. O prazo remata o 14 de marzo ás 23:59 horas. A proba enmárcase dentro da especialidade atlética do trail-running e estará baixo o control técnico do Comité Galego de Xuíces da Federación Galega de Atletismo. Poderá participar calquera deportista, estea ou non federado. Os inscritos e inscritas correrán cunha licenza de día de trail-running, que incluirá un seguro de accidentes deportivos e de responsabilidade civil.

Ponte Maceira será o punto de saída, tanto para o trail como para a andaina. Ás 10:00 horas sairán os participantes no trail, que percorrerán unha distancia de 16 quilómetros aproximadamente. A meta estará instalada no Real Aeroclub de Santiago, nas instalacións que teñen na parroquia de Piñeiro.

Cinco minutos despois, ás 10:05 horas, procederase á saída da andaina. Neste caso, a meta é a mesma pero a distancia un pouco menor, duns 15 quilómetros.

Tanto os participantes do trail como os da andaina serán trasladados en autobús dende o Real Aeroclub ata o punto de saída en Ponte Maceira, a partir das 8:15 horas.

Por outra banda, establecerase un tempo de corte para ambas competicións. Dito tempo de corte será de 1 hora e 15 minutos dende a saída para o trail (11:15 horas) e de 2 horas e 20 minutos dende a saída para a andaina (12:20 horas). Os/as participantes que chegado ese momento non completasen a proba serán retirados da competición e trasladados ao punto de meta.

Categorías e recollida de dorsais
No trail longo haberá catro categorías: sénior masculino e feminino (persoas que teñen 18 anos cumpridos o día da proba), máster 1 masculino e feminino (persoas de 35 a 40 anos), máster 2 masculino e feminino (persoas de 41 a 49 anos) e máster 3 masculino e feminino (persoas de 50 ou máis anos). Por outra banda, no trail curto establécense tres categorías: sénior masculino e feminino (nado en 2006 e anteriores), sub16 masculino e feminino (nados en 2009 e 2010) e sub18 masculino e feminino (nado en 2007 e 2008).

Pola contra, na andaina non se establecerán categorías de participación, pero os menores de idade terán que ir acompañados en todo momento por un adulto maior de 18 anos. A idade mínima de participación na andaina será de 12 anos.

Os dorsais teñen un prezo de 7 euros para os participantes na andaina e no trail curto, e de 11 euros para os participantes no trail. Poderán recollerse a partir das 8:15 horas nas instalacións do Real Aeroclub en Ames.

Premios e agasallos
Outorgaranse premios para os tres primeiros/as clasificados/as de cada categoría, ademais de premios aos tres primeiros clubs da clasificación do trail (tanto o longo como o curto). Así mesmo, todos os participantes levarán un agasallo técnico pola súa participación (que poderán recoller xunto ao dorsal de competición antes de coller os autobuses). A entrega de premios levarase a cabo a partir das 12:45 horas nas instalacións do Real Aeroclub.

En canto aos equipos, daranse premios especiais aos tres primeiros, tanto federados como populares, que deberán inscribirse coa mesma documentación e igual indumentaria. Para isto, tomaranse como referencia os seis primeiros clasificados e clasificadas de cada equipo no trail longo, e os tres primeiros clasificados e clasificadas de cada equipo no trail longo.

Premendo nesta ligazón pódese consultar o regulamento do evento ao completo.

Aberto o prazo de inscrición para participar na IV edición do Trail e Andaina Ribeiras do Tambre, que se celebrará o 17 de marzo

Multimedia

  • Aberto o prazo de inscrición para participar na IV edición do Trail e Andaina Ribeiras do Tambre, que se celebrará o 17 de marzo