[21-02-2017] Este luns, 20 de febreiro, abriu o prazo de inscrición para participar nos obradoiros "Palma, Repalma" e "Dunha vez había..." O primeiro, que se desenvolverá o vindeiro venres, 3 de marzo, é un obradoiro de cantos, contos, xogos e arrolos para encher de recursos os petos dos bebés e as súas familias. O segundo é un obradoiro práctico de contacontos para aprender a transmitirlles mellor as historias, as emocións e a lingua ás crianzas. Esta actividade terá lugar todos os luns de marzo (os días 6, 13, 20 e 27). O prazo de inscrición para estes obradoiros estará aberto ata o día 2 de marzo. Para inscribirse hai que enviar un correo electrónico ao enderezo normalizacion@concellodemaes.gal
A compañía Pavís Pavós trae ao concello de Ames o obradoiro de cantos, contos, xogos e arrolos Palma, Repalma. Esta actividade, que se desenvolverá na Casa da Cultura de Bertamiráns o venres 3 de marzo, está dirixida aos nenos e nenas de 0 a 4 anos acompañados de unha ou dúas persoas adultas. Haberá dúas sesións: unha ás 18:00 e outra ás 19:00 horas. Ofrécense 20 prazas en cada sesión, asignadas por orde de inscrición.
Trátase dun obradoiro introdutorio da man de Pavís Pavós para que as familias e os nenos e nenas, ademais de divertírense, aprendan xogos, cantos, contos e arrolos na nosa lingua. A inscrición nesta actividade poderase facer ata o 2 de marzo, enviando un correo ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal no que se indiquen os seguintes datos: nome do neno/a; idade do neno/a; nome da(s) persoa(s) acompañante(s); teléfono de contacto; e sesión na que se quere participar: 18:00h ou 19.00 horas.
Por outra banda, vaise a desenvolver o obradoiro de contacontos para nais e pais Dunha vez había... da man de Fabaloba. Terá lugar no Pazo da Peregrina (Bertamiráns) todos os luns de marzo (os días 6, 13, 20 e 27), en horario de 17:00h a 19:00 horas. Serán 8 horas repartidas en tres sesións e unha festa final de contos. Esta actividade está dirixida ás familias e poderán acudir acompañadas de nenos/as de 0 a 6 anos.
Trátase dun obradoiro práctico de contacontos para aprender a transmitirlles mellor as historias, as emocións e a lingua ás crianzas. Coñeceranse libros e outros recursos, traballarase o xesto e a voz e para, a través de historias libros e música, tratar diversos temas de interese para as familias: chegada dun irmán/irmá, alimentación, emocións, deixar os cueiros, ir ao cole...
Ao igual que no caso anterior o prazo de inscrición estará aberto ata o 2 de marzo. Para inscribirse haberá que enviar un correo electrónico ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal no que se indiquen os seguintes datos: nome e idade do neno ou nena; nome da(s) persoa(s) acompañante(s); e teléfono de contacto. Ofértanse 20 prazas, que serán asignadas por orde de inscrición. En ambos os dous casos enviarase confirmación da reserva de praza.