[20-09-2017] A Aula de Informática do Milladoiro abre hoxe o prazo de inscrición para anotarse nos cursos que ofrece ao longo deste último trimestre de 2017: iniciación ao procesador de textos LibreOffice Writer en outubro, xornadas de internet (nivel medio) en novembro e elaboración de presentacións con Impress en decembro. O prazo de inscrición estará aberto ata que se cubran todas as prazas. Todos os cursos son gratuítos. Premendo a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter as solicitudes de inscricións dos diferentes obradoiros.
A Aula de Informática do Milladoiro inicia a súa programación de outono cun curso de iniciación ao procesador de textos LibreOffice Writer. Neste curso, as persoas participantes aprenderán a realizar, entre outras cousas, cartas, cartaces, diplomas, táboas, galerías de Fontwork, así como a engadir imaxes, autoformas, a formatar un parágrafo ou unha páxina. Dirixido a persoas maiores de 16 anos, o curso desenvolverase os días 16, 18, 23 e 25 de outubro. Existen 10 prazas por quenda (de 10:00h a 11:30h ou de 18:00h a 19:30 horas).
Pola súa banda, no mes de novembro está prevista a realización dunhas xornadas de internet (de nivel medio), que están pensadas para persoas maiores de 16 anos que xa saiban buscar información na rede, mais que queiran aprender a configurar o seu navegador, a gardar textos, imaxes e vídeos no computador, a coñecer páxinas para escribir anuncios... As xornadas terán lugar os días 13, 15 e 20 de novembro, en horario de 10:00h a 11:30h ou de 18:00h a 19:30 horas. O número de prazas por quenda é de 10.
Finalmente, a programación complétase coa realización dun curso de elaboración de presentacións con Impress. Os destinatarios do mesmo serán nenas e nenos entre os 9 e os 12 anos, que queiran aprender a empregar o programa Impress para a realización dun conto de Nadal. O obradoiro desenvolverase os días 26, 27, 28 e 29 de decembro en horario de 11:00h a 12:30 horas. No total, hai 10 prazas dispoñibles.
Tramitación das inscricións
O prazo de inscrición para estes obradoiros está aberto desde este mércores, 20 de setembro, ata que se cubran todas as prazas, o que se fará por orde de inscrición. Cómpre destacar que terán preferencia as persoas que non teñan participado anteriormente nestes mesmos obradoiros. Para inscribirse é preciso estar empadroado no Concello de Ames e para que se formen os grupos é preciso un mínimo de sete persoas inscritas.
As inscrición poderanse facer en horario de Aula Aberta, de luns a xoves de 16:00h a 20:00 horas, e os venres de 9:30h a 13:30 horas; así como enviando un correo ao enderezo electrónico informatica.milladoiro@concellodeames.gal, enviando cuberta e asinada a solicitude de inscrición. Calquera persoa que desexe máis información pode obtela directamente na Aula de Informática, enviando un correo ao anterior enderezo ou chamando ao teléfono 981 535 940.
A Aula Aberta da Aula de Informática do Milladoiro
A Aula de Informática do Milladoiro ofrece un servizo de Aula Aberta para que todas as persoas que o desexen poidan facer tarefas tais como consultar o correo electrónico, facer traballos persoais, ler o xornal, pedir unha cita médica ou buscar información. O horario de aceso á Aula Aberta é de 16:00h a 20:00 horas de luns a xoves, e de 9:30h a 13:30 os venres. Para poder beneficiarse deste servizo é preciso estar empadroada ou empadroado no Concello de Ames.
Contido relacionado
El Correo Gallego: "Emprendimiento e informática para la formación en Ames"




