[11-06-2012] A partir de hoxe xa está aberto o prazo de inscrición para os cursos de natación dos meses de verán que organiza o Concello de Ames. Estes cursos desenvolveranse en dúas quendas. O primeiro curso realizarase do 2 ao 31 de xullo e o segundo, do 1 ao 31 de agosto. Ambos os dous serán de luns a venres nas piscinas descubertas do Milladoiro e de Bertamiráns. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter o impreso de inscrición para poder matricularte nos cursos de natación.
Os rapaces e rapazas amienses poderán gozar da auga ademais de aprender a nadar, ou perfeccionar o seu estilo, durante as vacacións de verán. As prazas ofertadas son 126 que se repartirán en diferentes horarios ó longo da mañá. Para os maiores de doce anos resérvanse 30 prazas e o seu curso impartirase de 10:30 h. á 11:15 horas. Os rapaces de dez a once anos tócalles a segunda quenda, de 11:15 h. ás 12:00 horas. Para esta franxa de idade tamén hai 30 prazas.
De 12:00 h. á 12:45 h. desenvolverase a terceira quenda na que se ofertan 30 prazas para os rapaces de oito a nove anos, e de 12:45 h. a 13:30 h. haberá vintecatro prazas dirixidas a nenos e nenas de seis a sete anos. A última quenda resérvase para os máis cativos, doce prazas para nenos e nenas que teñan entre tres e cinco anos, que se levará a cabo de 13:30 h. a 14:15 horas.
En canto ás inscricións, poderán realizarse na Casa da Cultura do Milladoiro e na Oficina de Cultura e Deportes de Bertamiráns (Pazo da Peregrina) das 9:00 h. ás 14:00 horas. O prazo para apuntarse ao curso de xullo esta aberto dende hoxe ata o 22 de xuño. Para apuntarse no curso de agosto o prazo será do 9 ao 20 de xullo.
O prezo desta actividade é de 20 euros, ou 10 euros a partir do segundo membro da unidade familiar e 5 euros a partir do terceiro ou restantes. A documentación necesaria que hai que achegar é o impreso de solicitude cuberto e a fotocopia da tarxeta sanitaria. Só poderán participar as persoas empadroadas no Concello de Ames.




