[04-06-2018] Entre o 15 e o 20 de xullo, 10 mozas e mozos de Ames de entre 9 e 14 anos participarán no campamento deportivo que organiza a Deputación provincial nas instalacións do centro Calvo Sotelo da Coruña. As persoas interesadas deberán formalizar a súa inscrición no Rexistro Xeral do Concello ata o vindeiro 15 de xuño. O campamento ten un prezo de 85 euros. Premendo nos enlaces que están a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter un folleto informativo no que se inclúe o impreso de solicitude de inscrición.

Un ano máis, a Deputación da Coruña organiza un novo programa de campamentos deportivos para as nenas e nenos dos concellos da provincia. O obxectivo destes campamentos é facilitar a conciliación familiar e laboral das familias durante o verán. A Deputación oferta 10 prazas dirixidas ás rapazas e rapaces de entre 9 e e 14 anos que estean empadroados no Concello de Ames. Das varias quendas dispoñibles, as mozas e mozos de Ames participarán naquela que vai desde o 15 ata o 20 de xullo.
A cota de inscrición é de 85 euros e inclúe o transporte interno, a estadía e a manutención na residencia e o gasto das actividades programadas. A cota tamén inclúe os custos derivados do material propio de cada actividade deportiva (raquetas de tenis, balóns, chalecos salvavidas...).
Os campamentos deportivos desenvolveranse este ano no centro Calvo Sotelo, na Coruña. A programación destes campamentos inclúe a realización de actividades náuticas, equitación, tenis, sendeirismo, así como a práctica doutros deportes como son o fútbol, o voleipraia, o voleibol, o baloncesto, o aeróbic e o baile, entre outros. Ademais, os campamentos tamén contarán con veladas nocturnas nas que se realizarán actividades e xogos que fomenten a comunicación, o intercambio de experiencias, a convivencia e o respecto polos demais. Así mesmo, a programación tamén contempla unha serie de visitas a centros de interese cultural tanto da comarca como da cidade da Coruña.
Tramitación das inscricións
As inscricións deberán formalizarse nalgún dos rexistros municipais do Concello de Ames, de luns a venres, en horario de 09:00h a 14:00 horas. Xunto co impreso de inscrición debidamente cuberto e asinado polos pais ou titores da persoa solicitante, tamén deberán entregarse unha foto tipo carné, unha fotocopia da tarxeta sanitaria e outra do libro de familia ou do carné de identidade. Unha vez confirmada a praza por parte do Concello, as persoas inscritas deberán entregar unha copia do aboamento da cota de inscrición. No suposto de que a persoa inscrita necesite dalgún tratamento específico ou teña algunha doenza que se deba ter en conta, deberase proporcionar un xustificante médico asinado polo facultativo correspondente. No caso de alerxias alimentarias ou de calquera outro tipo será importante notificalo no momento da inscrición. O prazo para formalizar as inscricións remata o próximo 15 de xuño.
Se unha vez finalizado este prazo hai máis inscricións que prazas dispoñibles, procederase á realización dun sorteo público o 18 de xuño, ás 12:00 horas, no salón de plenos da Casa do Concello. Neste sorteo terán preferencia aquelas mozas e mozos que non participaran nestes campamentos en edicións anteriores. Para máis información pódese consultar a páxina web www.dacoruna.gal/deportes da Deputación da Coruña ou contactar co Gabinete de Deportes da entidade a través do enderezo de correo electrónico gabinete.deportes@dacoruna.gal.




