Pestanas principais

Aberto o prazo de inscrición para o programa de conciliación Primavera Lúdica

Xoves, 25 de xaneiro de 2018

[25-01-2018] O Concello de Ames abre este xoves, 25 de xaneiro, o prazo de inscrición para o programa de conciliación laboral e familiar Primavera Lúdica. O programa desenvolverase os días 26, 27 e 28 de marzo e o 2 de abril, coincidindo coas vacacións escolares de Semana Santa. Ao longo destes catro días, organizaranse unha serie de actividades educativas e culturais pensadas para aquelas familias que precisen conciliar o seu traballo co coidado das súas fillas e fillos. O prazo para presentar as solicitudes de inscrición remata o vindeiro 9 de febreiro. Premendo nos enlaces que están a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter as bases dos programas lúdicos e o impreso de inscrición.

Os documentos necesarios para realizar a inscrición na Primavera Lúdica estarán, a partir de hoxe, dispoñibles tanto na páxina web municipal, como no departamento de Educación no Pazo da Peregrina de Bertamiráns e na Oficina Municipal do Milladoiro. No momento de solicitar praza, as familias deberán entregar a ficha, os impresos e autorizacións debidamente cubertos, o mandato SEPA, unha fotocopia compulsada do DNI da persoa titular da conta, outra do libro de familia, así como a documentación que acredite a necesidade dos responsables do núcleo familiar de participar neste servizo municipal. 

A documentación poderá ser entregada ben no Rexistro Xeral do Concello, ben na oficina de Educación do Pazo da Peregrina ou na Oficina Municipal do Milladoiro. O horario de apertura destas dependencias é de 09:00h a 14:00 horas, de luns a venres. O prazo para presentar os documentos remata o vindeiro 9 de febreiro. 

Unha vez pechado o prazo de inscrición, publicaranse as listaxes das nenas e nenos admitidos, así como as listas de agarda. A partir dese momento, abrirase un prazo de dez días naturais para presentar reclamación. No caso de que as inscricións presentadas excedan as prazas dispoñibles procederase á realización dun sorteo. O pagamento do servizo, cuxo custo está especificado nas bases do programa, poderase realizar a través dunha transferencia bancaria. Para obter máis información, pódese chamar ao número de teléfono 981 891 476 ou enviar un correo electrónico ao enderezoeducacion@concellodeames.gal do departamento de Educación municipal.