Pestanas principais

Aberto o prazo de inscrición para o programa de conciliación municipal Xuño Lúdico

Luns, 23 de abril de 2018

[23-04-2018] Dirixido a crianzas do segundo ciclo de Educación Infantil e de Primaria, o programa Xuño Lúdico desenvolverase ao longo dos días 22, 25, 26, 27, 28 e 29 de xuño, en horario de 07:30h a 16:00 horas, tanto no Milladoiro como en Bertamiráns. O servizo, que oferta a Concellaría de Educación e Cultura, ofrecerá un abano de diferentes actividades educativas e culturais, pensadas para aquelas familias que precisen conciliar a súa vida familiar e laboral unha vez rematado o curso escolar. O prazo de presentación de solicitudes remata o vindeiro 4 de maio. Premendo nos enlaces que están a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter as bases dos programas lúdicos e o impreso de inscrición.

O Concello de Ames pon en marcha, un ano máis, o programa Xuño Lúdico, co obxectivo de facilitar a conciliación ás familias empadroadas no concello. A través deste servizo, dirixido a crianzas de entre 3 e o 12 anos, ofértanse unha serie de actividades lúdicas e culturais, orientadas non só a entreter ás máis cativas e cativos durante os primeiros días de vacacións, senón tamén a potenciar a súa formación educativa e emocional e a promover a súa autonomía persoal.

Para inscribirse neste servizo, as familias deberán acreditar a súa necesidade de conciliación e estar ao día no pagamento dos servizos municipais ofertados. A entrega da documentación farase no rexistro municipal na Casa do Concello, no Pazo da Peregrina de Bertamiráns ou nas oficinas municipais do Milladoiro, entre as 09:00h e as 14:00 horas. As inscricións tamén se poden entregar a través do rexistro telemático. O prazo de presentación de solicitudes remata o vindeiro 4 de maio.

O Xuño Lúdico terá lugar ao longo dos días 22, 25, 26, 27, 28 e 29 de xuño, entre as 07:30h e as 16:00 horas, tanto no Milladoiro como en Bertamiráns. Para obter máis información pódese chamar ao número de teléfono 981 891 476 ou enviar un correo electrónico ao enderezo educacion@concellodeames.gal.


Contido relacionado


Compostela 24 Horas: "Abierto el plazo de inscripción para el programa de conciliación municipal Xuño Lúdico"