- Tematica
O programa Apego continúa coa súa programación de actividades para as crianzas nestes meses de outono. Nesta ocasión, organizan o vindeiro venres 21 de novembro ás 17.30 horas, na casa da Cultura do Milladoiro, o obradoiro de masaxes “Música na pel” de Arkhé Espazo Educativo. A actividade é de balde e está dirixida para familias que estean agardando un bebé ou con bebés que aínda non gateen. O prazo de inscrición está aberto desde hoxe, 13 de novembro, ata o xoves día 20. Para participar é preciso enviar un correo ao enderezo electrónico normalizacion@concellodeames.gal no que se indique o nome e apelidos das persoas asistentes, a idade das crianzas e un teléfono de contacto.
O proxecto Apego segue a organizar diferentes propostas lúdicas para as crianzas nestes derradeiros meses do ano. Desta volta, terá lugar o obradoiro de masaxes “Música na pel” de Arkhé Espazo Educativo, unha iniciativa para aprender unha rutina de masaxes estimulantes e relaxantes, ideal para estimular e fomentar o vínculo entre os bebés e as familias. Ademais das masaxes, a actividade estará acompañada de arrolos, cancións tradicionais e xogos de tacto baseados nos principios da Music Learning Theorym.
A actividade é de balde e está dirixida a familias que estean a agardar un bebé ou con bebés que aínda non gateen. Así, desenvolverase o vindeiro venres 21 de novembro, ás 17.30 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro.
O prazo de inscrición está aberto dende hoxe, 13 de novembro, ata o vindeiro xoves, día 20. Para participar é preciso enviar un correo ao enderezo electrónico normalizacion@concellodeames.gal no que se indique o nome e apelidos das persoas asistentes, a idade das crianzas e un teléfono de contacto. Non se admitirán inscricións fóra de prazo e as prazas asignaranse por orde de recepción de solicitude.
O programa Apego, un vehículo de transmisión da lingua
O programa Apego é un proxecto de dinamización lingüística dirixido ás familias que estean a esperar un bebé ou que teñan crianzas entre 0 e 6 anos. O seu obxectivo é promover, apoiar e normalizar o uso do galego na socialización da primeira infancia, achegando recursos e unha ampla proposta de actividades lúdicas e educativas.
As persoas interesadas en sumarse á iniciativa poden facelo poñéndose en contacto co Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames, escribindo un correo a normalizacion@concellodeames.gal ou chamando ao número de teléfono 662 377 215. Así mesmo, tamén poden facelo cubrindo o formulario “Súmate ao apego”, que está dispoñible na páxina web do programa, apego.gal.






