Pestanas principais

Aberto o prazo de inscrición para o obradoiro de cantos de berce “Arrolos de salitre”

Mércores, 03 de marzo de 2021

O vindeiro xoves 11 de marzo, o Pazo da Peregrina de Bertamiráns, énchese de arrolos e cantos de berce da man de Faia Díaz e Guillerme Fernández a través da actividade “Arrolos de salitre”. Este obradoiro, que estará orientado tanto a familias con crianzas entre os 0 e os 2 anos como a futuras mamás e papás, contará con dúas sesións, unha ás 17:00h e outra ás 18:00h. A iniciativa busca que as persoas asistentes aprendan  cantos de berce para transmitirlles afecto ás crianzas a través da lingua e da música. A actividade é gratuíta e as prazas cubriranse por orde de inscrición. Para inscribirse é necesario enviar un correo ao enderezo electrónico normalizacion@concellodeames.gal, indicando o nome e os apelidos das persoas participantes, a idade das crianzas e un teléfono de contacto.

A programación do Apego continúa no mes de marzo co taller Arrolos de Salitre, actividade que regresa a Ames tras o éxito de participación acadado nas pasadas edicións. Nesta ocasión, o obradoiro realizase no Pazo da Peregrina de Bertamiráns o xoves 11 de marzo. Estará conducido por Faia Díaz e Guillerme Fernández, integrantes do grupo musical De Vacas, e as familias asistentes poderán gozar da música ao tempo que aprenden melodías coas que transmitirlles ás crianzas sensacións como a emoción, o afecto e o apego a través da música e da lingua.

Premendo neste enlace pódese ver un petisco da actividade.

Haberá dúas sesións, a primeira comezará ás 17.00h e a segunda será ás 18.00h. Esta proposta diríxese a familias que estean agardando un bebé ou que teñan crianzas de ata 2 anos. O obradoiro baséase nos temas do disco do mesmo nome, Arrolos de Salitre, que contén 11 cantos de berce en galego.

Para participar na actividade cómpre inscribirse a través do enderezo de correo electrónico normalizacion@concellodeames.gal, indicando o nome e os apelidos das persoas asistentes, a idade das crianzas e un teléfono de contacto. O prazo de inscrición remata o vindeiro 10 de marzo. Para obter máis información, pódese chamar ao número  662 377 215.

O programa Apego
Esta actividade enmárcase dentro do programa do Apego, un proxecto colectivo que busca acompañar, dar apoio ás familias e poñer en valor a transmisión da lingua galega ás crianzas durante os seus primeiros anos de vida, nomeadamente dos 0 aos 6 anos. Con estes obxectivos ofrécese información, recursos e actividades variadas tanto para familias, coma para os nenos e nenas, educadoras e educadores.

As familias que estean agardando un bebé ou que teñan crianzas de 0 a 6 anos poden inscribirse no programa poñéndose en contacto co Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames, ben a través do correo indicado máis arriba, ben a través do teléfono 662 377 215. Desde o momento en que se inscriban recibirán información e recursos útiles para a crianza. Pódese ampliar a información sobre o programa visitando a páxina web www.apego.gal.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Abre o prazo para participar, berces incluídos, na actividade Arrolos de salitre da vila amiense"

“Arrolos de salitre”

Multimedia

  • “Arrolos de salitre”