- Tematica
O programa Apego continúa coa súa programación de actividades do primeiro semestre de 2026. Nesta ocasión, organízase para o vindeiro venres, 13 de marzo, ás 18.00 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro, o espectáculo “Garavanciña”, de Migallas Teatro. O prazo de inscrición está aberto desde hoxe, 5 de marzo, ata o vindeiro xoves 12. Para participar é preciso enviar un correo ao enderezo electrónico normalizacion@concellodeames.gal no que se indique o nome e apelidos das persoas asistentes, a idade das crianzas e un teléfono de contacto.
O proxecto Apego segue a organizar diferentes propostas lúdicas para as crianzas nestes primeiros meses do ano. Desta volta, vaise organizar a actividade “Garavanciña”, de Migallas Teatro. O espectáculo é de balde e está dirixido a familias con crianzas a partir de 1 ano de idade. Será o venres 13 de marzo, ás 18.00 horas, no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro.
Trátase dunha pequena peza teatral, con música en directo, que trae a maxia dos contos clásicos. Unha divertida aventura con monicreques, cancións e narración oral da man de Bea Campos e Ali Otero. Nesta adaptación, ademais, dáselles unha volta aos roles de xénero tradicionais mantendo a fantasía desta fermosa historia.
O prazo de inscrición está aberto dende hoxe, 5 de marzo, ata o vindeiro xoves 12. Para participar é preciso enviar un correo ao enderezo electrónico normalizacion@concellodeames.gal no que se indique o nome e apelidos das persoas asistentes, a idade das crianzas e un teléfono de contacto. Non se admitirán inscricións fóra de prazo e as prazas asignaranse por orde de recepción de solicitude.
O programa Apego, un vehículo de transmisión da lingua
O programa Apego é un proxecto de dinamización lingüística dirixido ás familias que estean a esperar un bebé ou que teñan crianzas entre 0 e 6 anos. O seu obxectivo é promover, apoiar e normalizar o uso do galego na socialización da primeira infancia, achegando recursos e unha ampla proposta de actividades lúdicas e educativas.
As persoas interesadas en sumarse á iniciativa poden facelo poñéndose en contacto co Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames, escribindo un correo a normalizacion@concellodeames.gal ou chamando ao número de teléfono 662 377 215. Así mesmo, tamén poden facelo cubrindo o formulario “Súmate ao apego”, que está dispoñible na páxina web do programa, apego.gal.
Novas relacionadas
Xornal de Compostela: "Ames organiza o espectáculo ‘Garavanciña’ de Migallas Teatro dentro da programación do programa Apego"






