Pestanas principais

Aberto o prazo de inscrición para a nova actividade do Apego Minia convídate a xogar

Martes, 15 de maio de 2018

[15-05-2018] A Casa da Cultura do Milladoiro acollerá o venres, 25 de maio, a actividade Minia convídate a xogar: un espectáculo sensorial participativo, recomendado especialmente para desenvolver a creatividade e a comunicación das cativas e cativos co mundo que os rodea. Dirixida a familias con crianzas entre 1 e  6 anos, a actividade contará con dúas sesións: unha ás 18:00 horas e outra ás 19:00 horas. Para participar será preciso inscribirse a través do enderezo de correo electrónico normalizacion@concellodeames.gal, indicando a sesión escollida, o nome e os apelidos das persoas asistentes, a idade das crianzas e un teléfono de contacto. O prazo para formalizar as inscricións remata o vindeiro 24 de maio.

Minia convídate a xogar é un espectáculo-instalación, que busca promover a creatividade e a comunicación das crianzas cos obxectos que as rodean. A montaxe, unha produción de Babaluva Teatro, consta de dúas partes. Na primeira vemos como Minia desenvolve a súa imaxinación nun almacén de caixas, mentres que na segunda Minia convida ás nenas e nenos a xogar cos mesmos materiais e no mesmo espazo no que ela o fixo antes.

Desta maneira, a nena Minia é a protagonista deste espectáculo. Unha nena que, á espera de que seus pais saían do traballo, comeza a xogar coas caixas de cartón que se amorean no espazo, imaxinando novos ambientes, xogos, aventuras e mesmo personaxes. A actriz Mirari Urruzola será a encargada de dar vida a Minia nesta obra, cuxa dirección correu a cargo de Nekane Fernández e Lucho Penabade.

Nesta proposta teatral, o xogo e a experimentación exercen como canles de autocoñecemento, de descuberta e de comunicación. Deste xeito, o espectáculo Minia convídate a xogar é capaz de crear un contexto no que a expresión é total, onde as persoas participantes se poden comunicar a través do corpo, das emocións vividas e da fala.

O espectáculo Minia convídate a xogar terá lugar o venres, 25 de maio, na Casa da Cultura do Milladoiro. Haberá dúas sesións: unha ás 18:00 horas e outra ás 19:00 horas. Nesta actividade poderán participar todas aquelas familias con crianzas de entre 1 e 6 anos. A entrada será de balde.

Tramitación das inscricións
As persoas interesadas en participar deberán inscribirse a través do enderezo de correo electrónico normalizacion@concellodeames.gal, indicando a sesión escollida, o nome e os apelidos das persoas asistentes, a idade das crianzas e un número de contacto. O prazo de inscrición remata o vindeiro 24 de maio. Para obter máis información, pódese chamar ao número de teléfono 662 377 215.

O programa Apego
O programa Apego é un proxecto colectivo que busca acompañar, dar apoio ás familias e poñer en valor a transmisión da lingua galega ás crianzas durante os seus primeiros anos de vida, nomeadamente dos 0 aos 6 anos. Con estes obxectivos ofrécese información, recursos e actividades variadas tanto para familias, coma para as nenas e nenos, educadoras e educadores... O proxecto pretende, ademais, que as crianzas socialicen en galego e que reforcen a identidade coa familia e coas raíces a través de diferentes recursos lúdicos, formativos e informativos. En Ames, o programa do Apego conta xa con máis de 140 familias adheridas.

As familias que estean agardando un bebé ou que teñan crianzas entre os 0 e os 6 anos poden inscribirse no programa poñéndose en contacto co Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames, ben a través do correo normalizacion@concellodeames.gal, ben a través do teléfono 662 377 215. Desde o momento en que se inscriban recibirán información e recursos útiles para a crianza. Pódese ampliar a información sobre o programa visitando a páxina web www.apego.gal.


Contido relacionado


Compostela 24 Horas: "Abierto el plazo de inscripción para la nueva actividad de Apego Minia convídate a xogar"