[24-04-2018] O vindeiro venres, 4 de maio, a Casa da Cultura de Bertamiráns acollerá o contacontos musical, As aventuras de Mamá Cabra. Contos que saen dos libros. A actividade, dirixida a familias con crianzas entre 1 e 4 anos, comezará ás 18:00 horas. Gloria Mosquera, creadora das cancións de Mamá Cabra, estará acompañada no desenvolvemento da actividade por Iago Rodríguez, encargado das teclas e da percusión. As inscricións poderán realizarse a través do enderezo de correo electrónico normalizacion@concellodeames.gal, indicando o nome e apelidos, un teléfono de contacto e a idade das persoas participantes. O prazo de inscrición remata o 3 de maio.
Gloria Mosquera leva máis de quince anos creando cancións coas que gozar, aprender e cantar coa música do grupo Mamá Cabra. Cancións que enchen o mundo de notas musicais de cores vivas con cheiro a campo verde e de sons que dan vida a historias máxicas. Nado no ano 2000, o grupo Mamá Cabra caracterízase polos seus espectáculos de carácter participativo, nos que se incorporan valores didácticos e ritmos actuais.
Nesta ocasión, Gloria Mosquera estará acompañada por Iago Rodríguez, encargado das teclas e da percusión. Xuntos conducirán ao público asistente a través das creacións deste coñecido grupo. O contacontos musical As aventuras de Mamá Cabra. Contos que saen dos libros terá lugar o vindeiro venres, 4 de maio, ás 18:00 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns.
Tramitación das inscricións
As persoas que queiran participar nesta actividade encadrada dentro do programa Apego deberán inscribirse a través do enderezo de correo electrónico normalizacion@concellodeames.gal, indicando o número de persoas participantes, o seu nome e apelidos, a idade e un teléfono e contacto. Nela poderán participar todas aquelas familias con crianzas entre o 1 e os 4 anos. O prazo de inscrición remata un día antes do desenvolvemento da actividade, é dicir, o 3 de maio. Para obter máis información, pódese chamar ao número de teléfono 662 377 215.
O programa Apego
O programa do Apego é un proxecto colectivo que busca acompañar, dar apoio ás familias e poñer en valor a transmisión da lingua galega ás crianzas durante os seus primeiros anos de vida, nomeadamente dos 0 aos 6 anos. Con estes obxectivos ofrécese información, recursos e actividades variadas tanto para familias, coma para as nenas e nenos, educadoras e educadores... O proxecto pretende, ademais, que as crianzas socialicen en galego e que reforcen a identidade coa familia e coas raíces a través de diferentes recursos lúdicos, formativos e informativos. En Ames, o programa do Apego conta xa con máis de 140 familias adheridas.
As familias que estean agardando un bebé ou que teñan crianzas entre os 0 e os 6 anos poden inscribirse no programa poñéndose en contacto co Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames, ben a través do correo normalizacion@concellodeames.gal, ben a través do teléfono 662 377 215. Desde o momento en que se inscriban recibirán información e recursos útiles para a crianza. Pódese ampliar a información sobre o programa visitando a páxina web www.apego.gal.
Contido relacionado
Compostela 24 Horas: As aventuras de Mamá Cabra llegan a Bertamiráns"