Pestanas principais

Aberto o prazo de inscrición para asistir á función “Barquiño de Pau” de A Tropa de Trapo

Venres, 06 de marzo de 2020

O Pazo da Peregrina de Bertamiráns acolle o próximo venres, 13 de marzo, ás 18.00 horas, a función “Barquiño de Pau” de A Tropa de Trapo. Esta obra de teatro, destinada a nenas e nenos de 0 a 6 anos, encontrase dentro do programa Apego. Para asistir á actividade requírese inscrición previa, a cal se pode formalizar enviando un correo electrónico a normalizacion@concellodeames.gal. O prazo para facelo remata o próximo 12 de marzo.

“Barquiño de Pau” é un teatro de obxectos e música cos que explorar os sentidos dunha maneira amena e participativa. O acordeón, a mandola portuguesa, o dizi chinés ou o propio corpo poñerán a música que acompañará as texturas da buguina, da auga, do papel, da tea… para recitar poemas, xogar coas palabras e debuxar ideas.

A Tropa de Trapo naceu cunha clara vocación didáctica. Os seus integrantes, tanto Marta Ortiz como Brais das Hortas, proveñen de diferentes experiencias relacionadas co mundo da educación (maxisterio, alfabetización, cooperación internacional, organización de xornadas sobre pedagoxía...). Desta maneira, decidiron darlle aos seus contos e espectáculos un fondo e contido axeitado ás idades e ás temáticas que lles interesaban. Así, levan 10 anos traballando en institutos e escolas, achegando a música, oralidade e artes escénicas ao público infantil e adolescente de toda Galicia.

Para inscribirse na actividade, debe enviarse un correo electrónico a normalizacion@concellodeames.gal cos seguintes datos: nome a apelidos de todas as persoas asistentes, idade das crianzas e un teléfono de contacto. O prazo para facelo remata o próximo 12 de marzo.

Premendo nesta ligazón podes descargar a programación infantil con Apego para os meses de marzo, abril e maio.

O programa Apego
Apego é un programa colectivo de varios concellos que promove a transmisión do galego como lingua inicial nas familias con nenos e nenas de 0 a 6 anos, así como axudar á socialización en galego das crianzas.
O programa Apego ofrece información, recursos (tanto virtuais como físicos) e actividades formativas e de lecer tanto para as familias e as crianzas como para os e as profesionais. Os destinatarios son familias empadroadas en Ames que agarden un bebé ou teñan crianzas de 0 a 6 anos.

Barquiño de Pau - A Tropa de Trapo

Multimedia

  • Barquiño de Pau - A Tropa de Trapo