Pestanas principais

Aberto o prazo de inscrición para as actividades que organiza a Aula de informática do Milladoiro de abril a xullo

Luns, 02 de abril de 2018

[02-04-2018] A Aula de Informática do Milladoiro abre hoxe o prazo de inscrición para as súas actividades dos meses de abril, maio, xuño e comezos de xullo. A programación comezará co obradoiro “Elaboración de documentos con LibreOffice Writer”, no mes de abril, e finalizará en xullo coa realización do curso de mecanografía para mozas e mozos. Polo medio, tamén se desenvolverá o obradoiro “Compras en liña: aprende a comprar de maneira segura”, en maio, e o curso de mecanografía destinado a crianzas, en xuño. O prazo de inscrición destas actividades, que son gratuítas, permanecerá aberto ata que se cubran a totalidade das prazas. A túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter as solicitudes de inscrición para cada un dos cursos.


A programación desta primavera e inicio do verán da Aula de informática do Milladoiro comezará coa realización do obradoiro “Elaboración de documentos con LibreOffice Writer”. Esta formación estará dirixida a persoas maiores de 16 anos interesadas en aprender a usar un procesador de textos para escribir unha carta, un currículo, facer unha táboa, elaborar un cartel, un esquema ou inserir autoformas ou imaxes. O obradoiro desenvolverase os días 16, 19, 23 e 26 de abril en dúas quendas: das 10:00h ás 11:30 horas e das 18:00h ás 19:30 horas. Este taller terá unha duración de seis horas e contará cun total de 10 prazas por quenda.

No mes de maio, está prevista a realización doutro obradoiro que, neste caso, se presenta baixo o título “Compras en liña: aprende a comprar de maneira segura”. O obradoiro, que estará dirixido a persoas maiores de 18 anos, desenvolverase os días 22 e 24, en horario de 10:00h a 11:30h e de 18:00h a 19:30 horas. A actividade, que novamente contará con 10 prazas dispoñibles por quenda, terá unha duración de 3 horas.

Por outra banda, en xuño, celebrarase o curso de mecanografía para nenas e nenos. Dirixido a crianzas entre os 9 e os 12 anos, o curso desenvolverase ao longo dos días 4, 5, 6,7 e 11 deste mes, das 17:00h ás 18:00 horas. A duración do curso, que dispón de 10 prazas, será de cinco horas.

Finalmente, a programación para esta tempada primaveral e de verán rematará coa realización dun curso de mecanografía para mozas e mozos durante a primeira semana de xullo, concretamente do día 2 ao 6, en horario de 11:00h a 12:00 horas. O curso, que estará orientado a rapazas e rapaces que se atopen entre os 13 e os 18 anos, terá unha duración de cinco horas e contará con 10 prazas.

Tramitación das inscricións
O prazo de inscrición comeza este luns, 2 de abril, e permanecerá aberto ata que se cubran todas as prazas. Para inscribirse, as persoas interesadas poderán achegarse ata a Aula de Informática da Casa da Cultura do Milladoiro, de luns a xoves, en horario de 16:00h a 20:00 horas, e os venres de 09:30h a 13:30 horas.

Do mesmo xeito, tamén é posible inscribirse a través do enderezo de correo electrónico informatica.milladoiro@concellodeames.gal, enviando cuberta e asinada a solicitude de inscrición. As prazas cubriranse por rigorosa orde de presentación de solicitudes, tendo preferencia as persoas que non teñan participado nas mesmas actividades en trimestres anteriores. Para participar, é preciso estar empadroada ou empadroado no Concello de Ames. Os cursos só se realizarán cando haxa un mínimo de sete persoas inscritas.

Aula Aberta
A aula de informática do Milladoiro mantén un servizo de Aula Aberta para que todas aquelas persoas que o desexen poidan facer tarefas particulares tais como consultar o correo electrónico, facer traballos persoais, ler o xornal, pedir unha cita médica ou buscar información. O horario de acceso da Aula Aberta é de 16:00 a 20:00 horas, de luns a xoves. Os venres, o servizo préstase de mañá, entre as 09:30h e as 13:00 horas. Para poder beneficiarse deste servizo é preciso estar empadroada ou empadroado no Concello de Ames.

Contido relacionado


Compostela 24 Horas: "Abierto el plazo de inscripción para las actividades que organiza el Aula de Informática de Milladoiro de abril a junio"
Ames Go: "Aberto o prazo para as actividades da Aula de Informática do Milladoiro"