Pestanas principais

Aberto o prazo de inscrición para as actividades Arrolos de Salitre e A poesía é un globo, dentro do programa Apego

Martes, 03 de abril de 2018

[03-04-2018] O vindeiro 12 de abril, o Pazo da Peregrina de Bertamiráns encherase de arrolos e cantos de berce na actividade Arrolos de Salitre, da man dos músicos Xabier Díaz e Guillerme Fernández. O obradoiro, que estará orientado tanto a familias con crianzas entre os 0 e os 3 anos como a futuras mamás e papás, contará con dúas sesións, unha ás 18:00 h e outra ás 19:00 h. A iniciativa busca que as persoas asistentes aprendan novos cantos de berce para transmitirlles afecto ás crianzas a través da lingua e da música. A actividade A poesía é un globo terá lugar o venres, 13 de abril, ás 18:00 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro. Dirixida a familias con nenas e nenos entre os 3 e os 6 anos, a actividade correrá a cargo de Fran Alonso, co obxectivo de fomentar nas crianzas o interese pola poesía e o ritmo. As dúas actividades son gratuítas e as prazas outorgaranse por orde de inscrción. Para inscribirse cómpre enviar un correo ao enderezo electrónico normalizacion@concellodeames.gal, indicando o nome e os apelidos das persoas participantes, a súa idade e un teléfono de contacto. Á hora de realizar a inscrición para o obradoiro Arrolos de Salitre tamén será preciso sinalar a sesión escollida.

A programación do Apego continúa no mes de abril coas actividades Arrolos de Salitre e A poesía é un globo. A primeira delas terá lugar o vindeiro 12 de abril, no Pazo da Peregrina de Bertamiráns. Este día, os músicos Xabier Díaz e Guillerme Fernández traerán a Ames un obradoiro de nanas e cantos de berce, no que as familias poderán gozar da música ao tempo que aprenden melodías coas que transmitirlles ás crianzas, xa desde o primeiro día, a emoción, o afecto e o apego a través da música e da lingua. O obradoiro, que contará con dúas sesións (unha ás 18:00h e outra ás 19:00h), estará baseado nos temas do disco do mesmo nome, Arrolos de Salitre. O álbum, que contén 11 cantos de berce en galego, é un traballo de Xabier Díaz, editado conxuntamente con Guillerme Fernández. Esta actividade está dirixida a familias que estean agardando un bebé ou que teñan crianzas de 0 a 3 anos.

No día a seguir, o 13 de abril, o escritor e editor Fran Alonso desenvolverá na Casa da Cultura do Milladoiro o seu espectáculo-recital participativo A poesía é un globo, o cal procurará espertar o interese pola poesía e polo ritmo nas crianzas, a través de diferentes recursos como a oralidade, a lectura, o audiovisual ou a música. Dirixida a familias con cativas e cativos entre os 3 e os 6 anos, a actividade comezará ás 18:00 horas. 

Tramitación das inscricións
Para participar nalgunha destas actividades será preciso inscribirse a través do enderezo de correo electrónico normalizacion@concellodeames.gal, indicando o nome e os apelidos das persoas participantes, a súa idade e un teléfono de contacto. Para a primeira actividade, haberá que sinalar, ademais, a sesión á que se quere asistir. O prazo para realizar as inscricións permanecerá aberto ata un día antes do desenvolvemento de cada actividade, é dicir, o 11 e o 12 de abril respectivamente. Para obter máis información pódese chamar ao número de teléfono 662 377 215, do departamento de Normalización Lingüística do Concello de Ames. As dúas actividades son de balde.

O programa Apego
O programa do Apego é un proxecto colectivo que busca acompañar e dar apoio ás familias, así como pór en valor a transmisión da lingua galega ás crianzas durante os seus primeiros anos de vida, nomeadamente dos 0 aos 6 anos. Con estes obxectivos, o programa ofrece información, recursos e actividades variadas tanto para familias, coma para nenas e nenos, educadoras e educadores... O proxecto pretende, ademais, que as crianzas socialicen en galego e que reforcen a identidade coa familia e coas raíces a través de diferentes recursos lúdicos, formativos e informativos. En Ames, o programa do Apego conta xa con máis de 130 familias adheridas.

As familias que estean agardando un bebé ou que teñan crianzas entre os 0 e os 6 anos poden inscribirse no programa poñéndose en contacto co Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames, ben a través do enderezo de correo electrónico normalizacion@concellodeames.gal, ben a través do teléfono 662 377 215. Desde o momento en que se inscriban recibirán información e recursos útiles para a crianza. Pódese ampliar a información sobre o programa visitando a páxina web www.apego.gal



Contido relacionado


Compostela 24 Horas: "Abierto el plazo de inscripción para las actividades "Arrolos de Salitre" y "A poesía é un globo", dentro del programa Apego"