Pestanas principais

Aberto o prazo de inscrición para a actividade do Apego "Cantacontos para bebés" de Pablo Díaz

Martes, 06 de marzo de 2018

[06-03-2018] A Casa da Cultura de Bertamiráns acollerá o vindeiro venres, 16 de marzo, o obradoiro "Cantacontos para bebés" do coñecido músico coruñés Pablo Díaz. Dirixida a familias con nenas e nenos entre os 0 e os 3 anos, a actividade contará con dúas sesións: unha ás 18:00h e outra ás 19:00 horas. O obradoiro consistirá nunha viaxe a través dos contos, que será guiada por Pablo Díaz e que terá á música como fío condutor. En ‘Cantacontos para bebés’ trataranse temas e rutinas adaptadas á primeira idade coa axuda dalgúns instrumentos como a frauta, a guitarra e a harmónica. O músico coruñés tamén recuperará para esta sesión algúns dos seus temas máis populares. Para participar, será preciso inscribirse enviando un correo ao enderezo de correo electrónico normalizacion@concellodeames.gal, indicando o nome e apelidos, teléfono de contacto e idade. O prazo de inscrición remata o 14 de marzo.


O músico Pablo Díaz será o encargado de guiar ás familias participantes a través dunha viaxe centrada nos contos e que terá como fío condutor á música. ‘Cantacontos para bebés” será unha sesión participativa, na que se abordarán temas e rutinas adaptadas ás cativas e cativos e na que grandes e miúdos axudarán a cantar e a entoar melodías e retrousos. Para guiar ás familias ao longo da actividade, o músico axudarase de instrumentos como frautas, guitarras e harmónica, así como dalgún dos seus temas máis populares.

Pablo Díaz é un prestixioso músico coruñés que debutou na música infantil co traballo discográfico TIC TAC. Apadriñado por Santiago Auserón, o disco foi publicado en 2009 pola editorial Kalandraka, e tivo un éxito espectacular en Galicia que fixo que se esgotara a primeira edición en apenas tres meses. Actualmente, tamén está esgotada a cuarta edición deste traballo, co que resultou finalista nos premios galegos da música Martín Códax. O álbum foi o gañador, tamén, do premio “Anisia Miranda á creatividade infantil” no ano 2011.

TOC TOC é o segundo dos traballos do músico. Publicado en 2013 pola editorial Galaxia, o álbum conseguiu un grande recoñecemento no mundo musical, e foi galardoado co premio ao mellor traballo de música infantil nos premios Martín Códax do ano 2014. Desde aquela, o traballo xa ten percorrido máis de 50 concellos galegos. O último dos traballos do músico foi presentado a finais de 2014. Xente miúda, moita fartura é un disco máis íntimo con respecto aos anteriores e está centrado tamén nun público de menor idade. Este último traballo, que foi autoproducido, contou coa colaboración de Tito Calviño e Carmen Rey.

Tramitación das inscricións
As persoas interesadas en participa no Cantacontos para bebés r deberán inscribirse neste obradoiro a través do enderezo de correo electrónico normalizacion@concellodeames.gal. No momento da inscrición, deberán indicar o número de persoas participantes, o seu nome e apelidos, a idade e un teléfono de contacto. Na actividade poderán participar todas as familias con crianzas entre os 0 e os 3 anos. O prazo de inscrición remata o 14 de marzo. Para obter máis información, pódese chamar ao número de teléfono 662 377 215. A entrada será de balde.

O programa Apego
O programa do Apego é un proxecto colectivo que busca acompañar, dar apoio ás familias e poñer en valor a transmisión da lingua galega ás crianzas durante os seus primeiros anos de vida, nomeadamente dos 0 aos 6 anos. Con estes obxectivos ofrécese información, recursos e actividades variadas tanto para familias, coma para as nenas e nenos, educadoras e educadores... O proxecto pretende, ademais, que as crianzas socialicen en galego e que reforcen a identidade coa familia e coas raíces a través de diferentes recursos lúdicos, formativos e informativos. En Ames, o programa do Apego conta xa con máis de 100 familias adheridas.

As familias que estean agardando un bebé ou que teñan crianzas entre os 0 e os 6 anos poden inscribirse no programa poñéndose en contacto co Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames, ben a través do correo normalizacion@concellodeames.gal, ben a través do teléfono 662 377 215. Desde o momento en que se inscriban recibirán información e recursos útiles para a crianza. Pódese ampliar a información sobre o programa visitando a páxina webwww.apego.gal


Contido relacionado


Compostela 24 Horas: "El músico Pablo Díaz aterriza en Bertamiráns con sus Cantacontos para bebés"