Pestanas principais

Aberto o prazo de inscrición para a actividade “Contos debuxados, debuxos contados”, de Caxoto e Marc Taeger

Xoves, 27 de novembro de 2025

O programa Apego continúa coa súa programación de actividades para as crianzas nestes meses de outono. Nesta ocasión, organizan o vindeiro xoves, 4 de decembro, ás 18.00 horas, no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, a actividade “Contos debuxados, debuxos contados”, de Caxoto e Marc Taeger. O prazo de inscrición está aberto desde hoxe, 27 de novembro, ata o mércores 3 de decembro. Para participar é preciso enviar un correo ao enderezo electrónico normalizacion@concellodeames.gal no que se indique o nome e apelidos das persoas asistentes, a idade das crianzas e un teléfono de contacto.

O proxecto Apego segue a organizar diferentes propostas lúdicas para as crianzas nestes derradeiros meses do ano. Desta volta, vaise organizar a iniciativa “Contos debuxados, debuxos contados”, de Caxoto e Marc Taeger.  A actividade de balde, para familias con crianzas a partir de 3 anos, será o xoves 4 de decembro, ás 18.00 horas, no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns.

Trátase dunha proposta participativa que xunta ilustración e palabras contadas da man do  ilustrador Marc Taeger e do contador de contos Caxoto. Ambos os dous artistas executan este man a man escénico, un experimento que desborda divertimento,  creatividade e ganas de xogar e que mestura contos con debuxos, situacións esperpénticas e personaxes inesquecibles.

O prazo de inscrición está aberto dende hoxe, 27 de novembro, ata o vindeiro mércores, 3 de decembro. Para participar é preciso enviar un correo ao enderezo electrónico normalizacion@concellodeames.gal no que se indique o nome e apelidos das persoas asistentes, a idade das crianzas e un teléfono de contacto. Non se admitirán inscricións fóra de prazo e as prazas asignaranse por orde de recepción de solicitude.

O programa Apego, un vehículo de transmisión da lingua
O programa Apego é un proxecto de dinamización lingüística dirixido ás familias que estean a esperar un bebé ou que teñan crianzas entre 0 e 6 anos. O seu obxectivo é promover, apoiar e normalizar o uso do galego na socialización da primeira infancia, achegando recursos e unha ampla proposta de actividades lúdicas e educativas.

As persoas interesadas en sumarse á iniciativa poden facelo poñéndose en contacto co Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames, escribindo un correo a normalizacion@concellodeames.gal ou chamando ao número de teléfono 662 377 215. Así mesmo, tamén poden facelo cubrindo o formulario “Súmate ao apego”, que está dispoñible na páxina web do programa, apego.gal.

Aberto o prazo de inscrición para a actividade “Contos debuxados, debuxos contados”, de Caxoto e Marc Taeger

Multimedia

  • Aberto o prazo de inscrición para a actividade “Contos debuxados, debuxos contados”, de Caxoto e Marc Taeger