Pestanas principais

Aberto o prazo de inscrición nos cursos de natación de xullo organizados polo Concello de Ames

Luns, 12 de xuño de 2023

Este luns, 12 de xuño, abre o prazo de inscrición para a primeira quenda dos cursos de natación organizados polo departamento de Deportes do Concello de Ames para este verán, que se desenvolverán ao longo do mes de xullo. En agosto realizarase unha nova quenda desta actividade, e volverase abrir un novo prazo para que a veciñanza que o desexe poida anotarse, do 10 ao 21 de xullo. Estas actividades terán lugar de luns a venres, nas piscinas descubertas municipais de Bertamiráns e do Milladoiro. A iniciativa conta coa colaboración da Deputación da Coruña. As inscricións deben ser tramitadas a través da plataforma Cronos

Coa chegada da época estival, o Concello de Ames volve a poñer en marcha diversas actividades deportivas para favorecer as alternativas de ocio saudable entre os veciños e veciñas de Ames. Este ano ofrécense cursos de piragüismo, de natación, de aguagym e de ioga.

Dende hoxe, luns 12 de xuño, e ata o vindeiro día 23, as persoas interesadas xa poden inscribirse nas clases de natación que se impartirán durante o mes de xullo. Quen prefira acudir á quenda do mes de agosto poderá anotarse entre o 10 e o 21 de xullo. Este cursos están organizados polo departamento de Deportes de Ames, en colaboración coa Deputación da Coruña.

Horarios
Tanto os cursos de xullo como os de agosto están organizados en función das franxas de idade dos participantes. Deste xeito, ás 11:15 horas comezan as clases os rapaces e rapazas que superan os 10 anos, mentres que ás 12:00 é o momento dos nenos/as de 8 e 9 anos. A continuación, ás 12:45 horas entrarán na piscina as crianzas de 6 e 7 anos; e finalmente seguiranos, arredor das 13:30 horas, os cativos e cativas de entre 3 e 5 anos.

Trámites de inscrición
As inscricións deben realizarse de xeito telemático, a través da plataforma Cronos, seguindo estas instrucións. Os impresos para facer efectivo o pagamento (autoliquidación) poderán solicitarse nas oficinas de recadación, ben no Milladoiro (rúa da Viorneira, número 6), ou ben en Bertamiráns (na praza da Horta de Abaixo, número 6).

Outra opción é facelo a través do correo electrónico ames@canaltributos.com ou chamando ao número de teléfono 981 88 48 96. No caso de dispor de certificado dixital ou DNI electrónico poderase descargar o documento de pago e aboar o importe a través da ligazón da Oficina Virtual Tributaria.

O custe dos cursos é de 20 euros (reducíndose a 10 euros para o segundo membro de cada familia e a 5 euros para o terceiro e restantes). Para máis información sobre a actividade pódese enviar un correo electrónico ao enderezo deportes@concellodeames.gal ou chamar ao número de teléfono 619 842 504.

Cartaz dos cursos de natación do verán 2023
Descargas: 

Multimedia

  • Cartaz dos cursos de natación do verán 2023