[10-11-2016] A concellaría de Normalización Lingüística abre esta semana o prazo de inscrición na charla-obradoiro Os/as nenos/as e a lingua, unha oportunidade con Manuel Núñez-Singala. Terá lugar o venres, 18 de novembro, ás 18:30 horas na Casa da Cultura do Milladoiro. As familias interesadas en participar pódense inscribir enviando un correo electrónico ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal.
O departamento de Normalización Lingüística de Ames, dentro do programa Apego de dinamización lingüística na educación das e dos pequenos da casa, pon en marcha o venres 18 unha charla-obradoiro. Nela o escritor, sociolingüista e director do Servizo de Normalización Lingüística da USC ,Manuel Núñez-Singala, charlará coas familias sobre a educación das crianzas en galego. Dun xeito práctico Singala tratará de dar resposta a distintas preguntas: Que vantaxes ten medrar en galego?, Paga a pena esforzarnos en falarlles en galego aos nosos fillos e fillas? Ademais o escritor falará sobre a oportunidade de transmisión lingüística, e dos beneficios de que as crianzas sexan quen de expresarse con confianza e comodidade en galego.
Manuel Núñez-Singala é, dende 1993, o director do Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela. É, ademais, autor de diversos e exitosos libros, desde o teatro, como "O achado do castro" (unha das obras máis representadas nos centros de ensino) ou "Comedia bífida" (tamén levada a escena) á narrativa, con obras como "Camilos na auga" (2016), "Instrucións para tomar café" (2014) ou "Menú de enganos" (2010). Tamén destaca o seu ensaio práctico sobre a lingua "En galego, por que non?".
A asistencia á charla-obradoiro é de balde, aínda que compre anotarse con anterioridade escribindo un correo electrónico a normalizacion@concellodeames.gal. No marco do programa Apego o Concello de Ames organiza no municipio outras actividades, como a foliada para familias deste venres no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, espectáculos de maxia infantil ou os obradoiros mensuais “Hortas divertidas”.




