[28-04-2011] O proxecto da Travesía do Porto vai dando pasos de xeito paseniño. Esta semana abríronse as plicas presentadas polas 53 empresas con cadansúa oferta para executar o proxecto de urbanización da Travesía do Porto. Das 53 ofertas presentadas, 52 foron admitidas e unha foi excluída por non acreditar que a empresa está en posesión da clasificación esixida para executar esta obra. O proceso de licitación realizouse mediante procedemento aberto e tendo en conta como único criterio de valoración o prezo máis baixo ofertado. Deste xeito consideráronse rexeitadas oito propostas nas que o prezo ofertado foi inferior ao 75% do orzamento de execución por contrata que ascende a 2.402.883,23 euros. Trala apertura de plicas, e tendo en conta que o único criterio de valoración no neste procedemento de contratación é o factor económico, produciuse un empate técnico entre 31 empresas que presentaron a mesma oferta económica que ascende á contía de 1.802.162,42 euros. En vista do empate producido, estas empresas terán que achegar, no prazo de cinco días hábiles contados a partir do día seguinte á recepción da correspondente notificación, a documentación que lle require o Concello.
Esta semana a mesa de contratación reuniuse co obxectivo de abrir as plicas presentadas polas 53 empresas con cadansúa oferta para executar o proxecto de urbanización da Travesía do Porto. Despois de revisar as 53 ofertas presentadas, 52 foron admitidas e unha oferta quedou excluída por non acreditar que a empresa está en posesión da clasificación esixida para executar esta obra.
A tramitación do proceso de licitación realízase de xeito ordinario e premiando a oferta económica máis baixa. Para evitar que se presenten ofertas económicas temerarias considerouse rexeitada calquera proposta na que o prezo ofertado sexa inferior ao 75% do orzamento de execución por contrata. O orzamento base de licitación é de 2.036.341,72 euros, máis 366.541,51 euros de IVE. O importe total ascende a 2.402.883,23 euros.
Tendo en conta o orzamento de execución por contrata desta obra os membros da mesa de contratación calcularon o importe corresponde ao 75% deste importe resultando ser de 1.802.162,42 euros. As oito propostas presentadas que ofertaban un prezo inferior a esta contía tamén foron excluídas.
Trala apertura de plicas, e tendo en conta que o único criterio de valoración no neste procedemento de contratación é o factor económico, produciuse un empate técnico entre 31 empresas que presentaron a mesma oferta económica que ascende á contía de 1.802.162,42 euros.
En vista do empate producido entre as empresas e de acordo co procedemento establecido pola propia mesa de contratación na súa reunión mantida o día 4 de abril acordouse publicar no perfil do contratante un anuncio indicativo e requirir vía fax ás 31 empresas empatadas na proposición económica máis vantaxosa para o Concello para que, no prazo de cinco días hábiles contados a partir do día seguinte á recepción do correspondente fax, acheguen a documentación requirida.
Esta documentación será o certificado de vida laboral da empresa, correspondente aos últimos doce meses anteriores ao último día de finalización do prazo de presentación de ofertas (que foi o 23 de marzo de 2011), que comprenda todos os centros laborais da empresa e inclúa todos os códigos de conta de cotización, aos efectos do cómputo da plantilla dos traballadores de acordo co previsto na disposición adicional primeira do real Decreto 364/20058, de 8 de abril, polo que se regula o cumprimento alternativo e con carácter excepcional da cota reservada dos traballadores con discapacidade. No caso de unións temporais de empresas, pedirase o informe de vida laboral das empresas integrantes daquela unión.
A través deste proxecto executarase un dos proxecto máis demandados pola veciñanza do Milladoiro. Segundo se estipula no anuncio de licitación as obras terán un prazo de seis meses de duración aínda que iso dependerá de como se vaian desenvolvendo os traballos de urbanización e de diferentes circunstancias externas á Administración local.
Urbanización da Travesía do Porto
A Travesía do Porto está situada nun enclave estratéxico dentro da zona norte do Milladoiro, xa que ao seu arredor foron construíndose urbanizacións residencias. Iso provocou que este viario sexa un lugar que conta cun importante tránsito, tanto de vehículos como de peóns. Por iso é importante dotala de amplas beirarrúas e espazos verdes que permitan aos peóns circular por este lugar sen preocuparse polo tránsito rodado.
Coa execución deste proxecto de urbanización preténdese humanizar unha das principais zonas residencias do Milladoiro e que está situada no medio dun ámbito onde está previsto unha futura expansión cara ao norte desta localidade. Este proxecto complementará as dotacións deportivas, recreativas e socioculturais xa existentes e que son de titularidade municipal. A urbanización deste viario vén determinada pola necesidade de ordenar as futuras implantacións residencias previstas no desenvolvemento dos ámbitos de solo urbanizable que existen nesa zona.
A urbanización deste viario esténdese nun tramo de 640 metros, que discorre dende a Avenida do Muíño Vello, ata o cruce coa rúa Madalena e a rúa Nova. O proxecto concíbese como un paseo urbano con importantes espazos de uso peonil. A travesía terá unha calzada central de 7 metros, con dous carrís de circulación e aparcadoiros laterais de 2,5 metros. Unha das beirarrúas será de catro metros, e a outra de oito, cun carril bici de 2 metros de ancho, e un espazo peonil de 5,75 metros. Tamén disporá de varias ringleiras de árbores na zona de aparcadoiro e nas beirarrúas.
Cómpre salientar que as prazas de aparcadoiro estarán separadas dos carrís de circulación e serán diferenciados mediante a colocación dun material distinto ao empregado na calzada. Deste xeito empregarase o formigón para intentar minimizar a presenza do material asfáltico no trazado da rúa. Por outra banda, o carril bici estará separado do resto da beirarrúa pola sucesión de alcorques e arboredo, e da zona de aparcamento mediante un seto, protexéndoo deste xeito dos vehículos.
Respecto do axardinamento contémplase a colocación de dúas ringleiras de árbores, unha en cada zona de aparcamento, ordenando así a disposición dos vehículos. Ao mesmo tempo está proxectado a implantación dunha segunda ringleira de árbores na beirarrúa de oito metros de amplitude e que contribúa a configuración do paseo urbano.
Financiamento da obra
O presuposto de execución por contrata da obra da travesía do Porto ascende ao importe de 2.402.883 euros. Este proxecto será sufragado polo Concello, na parte proporcional de solo que lle corresponde, así como polo resto dos propietarios dos ámbitos deste sector que terán que achegar as correspondes derramas en concepto de gastos de urbanización. Os propietarios de terreo en catro ámbitos deste sector achegarán un total de 1.849.213 euros o que representa o 76,5% do financiamento deste proxecto.
En canto ao Concello, é propietario dun 23,44% do solo o que significa que debe achegar 553.670 euros. Para poder sufragar este proxecto o pasado 16 de abril de 2010 asinouse un convenio de colaboración coa Deputación Provincial da Coruña que aportará 400.000 euros para a urbanización da Travesía do Porto. Polo tanto, o Concello só terá que chegar a diferencia que é de 153.670 euros.
A nova noutros medios dixitais:
Contido relacionado
El Correo Gallego: "La Travesía do Porto recibió 31 ofertas con precio calcado"
La Voz de Galicia: "Ames rechaza 22 propuestas para la urbanización de Travesía do Porto"