Pestanas principais

Aberto o prazo de inscrición para participar nos campamentos urbanos de natureza “En Ames, Naturalmente”

Luns, 08 de xuño de 2020

O programa "En Ames, Naturalmente" busca que as nenas e nenos volvan a relacionarse con persoas da súa idade a través da natureza. Os campamentos, que se realizarán en diferentes quendas entre os meses de xuño e xullo nas instalacións da Aula da Natureza do Concello de Ames, están destinados ao alumnado de Educación Primaria e Educación Secundaria. Cada quenda conta con 30 prazas e o seu prezo é de 50 euros. Para realizar a preinscrición, compre enviar un correo electrónico a auladanatureza@concellodeames.gal no caso dos campamentos de Educación Primaria e omix@concellodeames.gal no caso dos campamentos destinados a Educación Secundaria.

A natureza pode ser unha excelente medicina e aula de aprendizaxe. O contacto con ela mellora a saúde, a capacidade de atención, o desenvolvemento motor e cognitivo, a autonomía, a seguridade, a adquisición de valores... Por iso, a través destes campamentos urbanos búscase que os nenos e nenas poidan relacionarse de novo con persoas da súa idade.

A situación da crise sanitaria xerada pola Covid-19, fai que os campamentos urbanos deban adaptar as súas novas necesidades, polo que se deberán ter en conta medidas de prevención como a redución de ratios, aumentar as labores de limpeza e desinfección, determinar os equipos de protección para monitores e usuarios e redefinir as actividades que se poderán levar a cabo sen risco de contaxios.

Campamentos urbanos para Educación Primaria

Para as nenas e nenos que se atopen cursando 1º a 6º de Primaria hai tres quendas para poder participar nos campamentos. A primeira delas, celebrarase do 22 ao 30 de xuño en horario de 10.00 a 18.00 horas. As prazas limítanse en todas as quendas a 30, e o prezo do campamento é de 50 euros. Nestes campamentos os nenos e nenas poderán realizar diferentes actividades ao airee libres: xogos, xinkanas, rutas de sendeirismo, obradoiros ambientais, horta, supervivencia, excursións...

A preinscrición para esta primeira quenda está aberta ata o próximo 12 de xuño ás 14.00 horas. As listas provisionais de admitidos publicaranse o 13 de xuño e as listas definitivas o 16 de xuño. O sorteo público realizarase o 17 de xuño e a matrícula e pagamento a partir do 18 xuño.

Nesta primeira quenda do 22 ao 30 de xuño inclúese a comida dos participantes. A estes efectos infórmase que o servizo de catering será con racións individuais, con utensilios de cociña desechables e cada menor deberá comer de forma autónoma. Os menores estarán controlados en todo momento por monitores e monitoras. O servizo incluirá o seguinte:  un primeiro prato (sopas, caldos, cremas, purés, ensaladas, pastas, verduras, arroces, etc.), un segundo prato (carnes, pescados, ovos e derivados coa correspondente guarnición) e  sobremesa (iogur, flan, crema, arroz con leite, e/o froita), xunto con pan e bebida.

A merenda de media mañá e media tarde a traerán da casa os participantes.

Posteriormente, do 6 ao 17 de xullo desenvolverase a segunda quenda do alumnado de Educación Primaria, en horario de 16.00 a 20.00 horas , e do 20 ao 31 de xullo, en horario de 16.00 a 20.00 horas, desenvolverase a terceira quenda.

A preinscrición para ambas quendas encontrarase aberta ata o 14 de xuño ás 20.00 horas, as listas provisionais publicaranse o 16 de xuño e as definitivas o 23. Xa o 25 de xuño, realizarase o sorteo, e o día 26 publicarase o resultado.

 Campamentos urbanos de Educación Secundaria

Para as rapazas e rapaces que se encontren estudando Educación Secundaria hai dúas quendas de campamentos urbanos. A primeira delas, destinada ao alumnado de 1º e 2º da ESO, desenvolverase do 6 ao 17 de xullo, en horario de 10.00 a 14.00 horas. Mentres que a segunda, destinada ao alumnado de 3º a 4º da ESO, desenvolverase do 20 ao 31 de xullo en horario de 10.00 a 14.00 horas. Nestes campamentos os nenos e nenas poderán realizar diferentes actividades ao airee libres: traballos de recuperación ambiental, xincanas, piragüismo, saída aventura, obradoiros...

Ambas quendas teñen aberto o prazo de solicitude ata o próximo 14 de xuño ás 20.00 horas. As listas provisionais publicaranse o 16 de xuño e as definitivas o 23 de xuño. O sorteo realizarase o 25 de xuño, e o 26, publicarase o resultado e a lista de agarda.

A preinscrición ao servizo

A preinscrición para este servizo realizarase mediante correo electrónico. No caso dos campamentos de Primaria, enviarase a solicitude a auladanatureza@concellodeames.gal, mentres que para os campamentos de Secundaria, ao enderezo omix@concellodeames.gal. Unha vez recibida a solicitude, o departamento correspondente enviará a conformidade da recepción.

Tanto as bases como o impreso de inscrición dos campamentos encóntranse adxuntos ao pé desta nova, pero de xeito excepcional poderán recollerse baixo cita previa nas Oficinas Municipais de Medio Ambiente e Mocidade, a través dos teléfonos 660 004 665 e 616 083 229.

No caso de ter que realizarse a preinscrición de forma presencial, farase mediante cita previa (teléfono 981 883 002) no Rexistro Xeral da Casa do Concello, no Rexistro do Pazo da Peregrina e no Rexistro das Oficinas Municipais do Milladoiro.

Compre engadir que no caso de que se queira solicitar praza para varios fillos e/ou fillas, e sempre e cando se desexe ter garantida a praza para todos/as ou ningún deberá indicalo no apartado -papeleta única no sorteo- e realizando unha inscrición por cada menor.

Para máis información sobre a preinscrición e a matrícula, consulta as bases do servizo ao pé desta nova.

Protocolo para evitar o contaxio da Covid-19

Debido ás circunstancias excepcionais que estamos a vivir, o servizo de campamentos urbanos inclúe un protocolo para evitar posibles contaxios. Entre as medidas a adoptar, realizar test de diagnóstico a todas as persoas integrantes do equipo docente dos campamentos e o impedimento de acceso a aula de ningunha persoa que non sexa pertencente ao equipo docente dos campamentos e á que non se fixeran as probas pertinentes. Ademais do establecemento dun protocolo de actuación no caso de que algún acampado ou integrante do equipo docente mostre síntomas compatibles coa Covid-19, formación exhaustiva ao persoal ou a toma de temperatura diaria antes de subir ao bus. Do mesmo xeito, non poderán participar nenos/as  pertencentes aos grupos de risco ou que convivan con casos de risco segundo indicas as autoridades sanitarias

Asemade, crearanse rutinas de hixiene para os acampados. Disporase dun maior número de monitores que permita conformar grupos de nenos reducidos, estableceranse normas para o uso das instalacións e darase prioridade ás actividades lúdicas que faciliten o distanciamento social dos acampados.

Para máis información sobre o servizo pódese chamar á Aula da Natureza (660 004 665) ou á Omix de Ames (616 083 229).

 

En Ames, Naturalmente

Multimedia

  • Ampliación prazo primeira quenda
  • En Ames, Naturalmente
  • En Ames, Naturalmente - actividades primaria
  • En Ames, Naturalmente - actividades secundaria