Pestanas principais

81 persoas participan no curso de reanimación cardiopulmonar organizado polo Concello de Ames

Xoves, 25 de xaneiro de 2018

[25-01-2018] Dirixido a monitoras e monitores dos comedores escolares e a profesorado dos centros de ensino do concello, o curso estivo centrado na técnica de reanimación cardiopulmonar (RCP) e na manobra de Heimlich, incluíndo tanto contidos teóricos como prácticos. Organizado polo Concello de Ames, a formación desenvólvese no CEIP Agro do Muíño, no IES do Milladoiro e no Pazo da Peregrina. A concelleira de Sanidade, Luísa Feijóo, asistiu este mércores, 24 de xaneiro, a sesión que se celebrou no Pazo da Peregrina.

O curso, que contou con contidos tanto de carácter teórico como eminentemente práctico, estivo centrado na técnica de reanimación cardiopulmonar (RCP) e na manobra de Heimlich. A primeira delas, a coñecida como RCP, considérase un procedemento de emerxencia destinado a salvar vidas cando se produce unha parada cardiorrespiratoria. A manobra de Heimlich é, pola súa banda, unha técnica destinada a desatascar o conduto respiratorio que, previamente, quedou bloqueado cun anaco de comida ou con outro obxecto. O curso foi organizado polo Concello de Ames coa finalidade de formar ás monitoras e monitores dos comedores e ao profesorado dos centros de ensino do concello nestes procedementos, ofrecéndolles ferramentas útiles que poidan empregar, en casos de accidente, co alumnado ao seu cargo.

No total, o curso contou coa participación de 81 persoas divididas en cinco grupos, o primeiro dos cales realizou a formación o pasado 15 de xaneiro no CEIP Agro do Muíño. Posteriormente, realizáronse dúas sesións máis con outros dous grupos: unha neste colexio de Ortoño, o 22 de xaneiro, e outra no Pazo da Peregrina, o día 24. As últimas sesións desenvolveranse o 29 deste mes, novamente no CEIP Agro do Muíño, e o día 31 no IES do Milladoiro. As sesións son impartidas por Manuel Alende Maceira e Jesús Rey Ferreiro.

A concelleira de Sanidade, Luísa Feijóo, asistiu a sesión de onte en Bertamiráns. “No Concello de Ames consideramos moi importantes este tipo de cursos, destinados a formar ás monitoras, monitores e profesorado do concello. É especialmente relevante que se algún día o precisan, estas persoas saiban como actuar. É fundamental que teñan ferramentas para saber que facer nunha situación así. Ademais, esperamos que estas persoas que se están a formar sexan capaces de transmitir este coñecemento ás demais compañeiras e compañeiros. Do mesmo xeito, tamén agardamos que o profesorado e o monitorado, que está a facer o curso, se anime e ensine, nun futuro, primeiros auxilios ao seu alumnado, o que redundará no benestar de todas e todos, tamén das avoas e avós, se as súas netas e netos saben identificar os primeiros sinais dun infarto ou dun ictus”, afirmou Luísa Feijóo.