[25-05-2011] O Concello de Ames pon fin este sábado 28 de maio ao programa de escolas deportivas que se está desenvolvendo dende o pasado mes de outubro. O acto de clausura comezará a partir das 16:30 h. no pavillón polideportivo do Milladoiro. Os 803 nenos e nenas que participaron neste programa deportivo desenvolverán varias exhibicións sobre os deportes que practicaron durante este curso. A empresa VV Xestión de Actividades SL é a encargada de impartir estas actividades deportivas ás que asisten máis de 1.700 persoas entre cativos e adultos. Durante o curso 2010-2010 a Administración local investiu uns 410.000 euros nas escolas deportivas e obradoiros culturais.


Chegado o mes de maio o Concello de Ames clausura unha nova edición do programa das escolas deportivas. Este acto terá lugar este sábado, 28 de maio ás 16:30 horas, no pavillón polideportivo do Milladoiro. O deporte e os obradoiros culturais son unha boa forma de desenvolver unha vida saudable e adquirir valores tan importantes como a deportividade, o respecto e a tolerancia. Por este motivo, o Concello de Ames aposta ano tras ano polo desenvolvemento destas actividades que sempre acadan uns resultados moi positivos. Para facerse unha idea da gran acollida que teñen estas actividades entre os amienses só hai que botar unha ollada ao número de usuarios/as que se inscribiron este ano neste servizo municipal.
Os 800 nenos e nenas que participaron neste programa realizarán varias exhibicións. Ás 16:30 h. comezará o acto coa presentación de todos os nenos e nenas que participarán neste evento. Trala presentación realizaranse varias exhibicións sobre os deportes que practicaron durante este curso os rapaces e rapazas de Ames. Así haberá exhibicións de voleibol, tenis, baloncesto, fútbol sala, tenis de mesa, predeporte, patinaxe e intervirá o grupo de aeróbic infantil de Barouta. Dende as 18:30 h. ata 18:50 horas realizarase a entrega de agasallos. O acto rematará coa actuación da Asociación de break dance "A Vella Escola" e a Escola Municipal de Break Dance de Ames.
Nesta edición son máis de 1.700 persoas as que acoden todas as semanas as actividades das escolas deportivas. O servizo municipal das escolas deportivas atende a un total de 803 nenos e nenas. Pero este servizo non é exclusivo só para a mocidade senón que os adultos tamén dispoñen de varias actividades físicas que se imparten tanto nas localidades de Bertamiráns e O Milladoiro, así como en diferentes lugares do rural. A estas actividades acoden 968 usuarios/as. En total son 1.771 persoas as que se benefician deste servizo.
A oferta de actividades deportivas que ofrece o Concello de Ames caracterízase pola súa variedade e por estar pensadas para todos os grupos de idade. Así, os e as amantes do deporte poden escoller entre trece actividades: aeróbic, ximnasia de mantemento, baloncesto, fútbol sala, natación, voleibol, actividade física para discapacitados, predeporte, tenis, pilates, tenis de mesa e patinaxe.
Nas escolas deportivas impártense deportes como poden ser o fútbol sala, o baloncesto, patinaxe, tenis, predeporte, tenis de mesa, voleibol e natación. Son moitos os cativos que asisten polas tarde aos pavillóns de Bertamiráns e do Milladoiro para practicar estes deportes. Un dos obxectivos deste servizo é iniciar aos nenos e nenas na práctica deportiva para que adquiran o hábito de realizar exercicio a miúdo. As actividades que máis rapaces atenden son a de patinaxe con 176 usuarios/as, tenis (173), baloncesto (129), predeporte (123) e fútbol sala (85). Cun menor índice de participación están as actividades de natación (65), tenis de mesa (32) e voleibol (20).
Actividades para adultos
Por outra banda existen unha serie de actividades físicas dedicadas ás persoas adultas que tamén teñen unha gran demanda entre a cidadanía amiense. Deste xeito son moitos os veciños que acoden as clases de aeróbic, pilates, spinning ou ximnasia de mantemento. A actividade máis demandada é a de pilates con 347 usuarios/as. Este adestramento físico e metal serve para corrixir problemas no lombo ou aprender a adoptar as posturas correctas e estirar adecuadamente os músculos. Este método céntrase no desenvolvemento dos músculos internos para manter o equilibrio corporal e dar estabilidade e firmeza na columna vertebral polo que é moi usado como terapia en rehabilitación e para previr e curar a dor de lombo. Ademais hai 166 persoas que asisten as actividades de aeróbic, 154 que están apuntados en spinning e 301 que asisten as clases de ximnasia de mantemento.
É importante destacar que para facilitar a asistencia de todos os participantes hai grupos tanto en Bertamiráns como no Milladoiro, pero ademais a actividade de pilates impártese na urbanización de Aldea Nova e a de ximnasia de mantemento nos lugares de Agrón, Aguapesada, Covas, Trasmonte, Tapia, Biduído, Aldea Nova e Ameixenda.
Contido relacionado

La Voz de Galicia: "Ames despide el curso deportivo con 800 usuarios"
El Correo Gallego: "Demostración de vida sana con 800 amienses"




