[18-03-2019] A brigada de repoboación forestal do Concello de Ames, dependente da Concellaría de Medio Ambiente, está inmersa nos traballos de plantación de árbores frondosas caducifolias na rede de liñas secundarias para a xestión de biomasa definidas no plan de medidas preventivas fronte incendios forestais no período 2018-2019. Nestes traballos colaboraron uns 75 rapaces e rapazas das aulas de terceiro de primaria do CEIP Agro do Muíño. Este ano estase actuando en fincas dos ámbitos 09 (Ventosa, Lombao, urbanización do Bosque Animado) e nos ámbitos 04A e 04B (monte de Outeiro - Pena Amarela). Trátase de plans de actuación bianuais. Nesta terceira fase 52 persoas solicitaron adherirse a dito plan, polo que se está actuando en 52 fincas que suman unhas 4 hectáreas de terreo forestal.
Importante labor de busca das fincas de monte
Previamente á plantación, os membros da brigada de repoboación forestal encargáronse de localizar as fincas e aos propietarios/as das parcelas do ámbito no que se está actuando. Trátase dun proceso moi complexo e laborioso no que hai que realizar unha importante labor de investigación para atopar aos propietarios/as de determinadas fincas e incluso que os propietarios/as atopen as súas fincas. Tras este proceso, os veciños e veciñas, poden acollerse a dito plan e teñen que talar e limpar a finca, para despois elixir xunto cos técnicos municipais as especias que van a plantar.
Se o veciño ou veciña está de acordo con dito plan de plantación, confírmase a adhesión ao plan, solicitándolle ao Concello unha subvención dun 80% de todos os traballos de plantación, o 20% restante corre por conta do/a propietario/a da parcela.
O plan de repoboación realízase con especies caducifolias autóctonas que contemplará a inclinación, orientación, profundidade e tipo de chan. Evitaranse os cultivos monoespecíficos polo que a especie predominante non poderá supoñer mais dun 80% no total da plantación. Tamén se inclúe a preparación do terreo para a plantación de frondosas caducifolias (trituración de restos de poda; roza previa á plantación; apertura de casas mediante unha pa retroescavadora ou de xeito manual, dependendo das características do terreo; abonado; e plantación manual).
A terceira fase do plan municipal de prevención de incendios forestais do Concello de Ames dá continuidade á experiencia piloto posta en marcha en 2016 e que tivo continuidade no período outono/inverno 2017-2018. O goberno municipal, xunto cos técnicos municipais, determinaron que nesta terceira fase rematarase a actuación, que comezou no período 2017-2018, do ámbito 04, dividido en dúas partes 04A e 04B. Nesta ocasión actúase no monte de Outeiro e Pena Amarela, así como no ámbito 09 (Ventosa, Lombao e na urbanización do Bosque Animado.
Na actualidade, o persoal da brigada de repoboación forestal do Concello de Ames está facendo a plantación das árbores elixidas polos propietarios das fincas. Nestes traballos colaboraron 75 rapaces e rapazas das tres aulas de terceiro de primaria do CEIP Agro do Muíño, que se achegaron ata un finca do lugar de Ventosa, situada na parroquia de Covas. Alí o concelleiro de Medio Ambiente, Javier García, a técnica municipal, Patricia Reboreda, e os membros da brigada de repoboación forestal, explicáronlles a importancia do aproveitamento do monte, así como en que consiste o plan municipal de prevención de incendios forestais. O alumnado estivo axudando na plantación de castiñeiros.
Para a plantación de árbores frondosas caducifolias tense en conta o terreo onde se van plantar. Así, non se plantaron as mesmas especies na parroquia de Piñeiro que as que se están plantado agora en Ventosa. Nesta anualidade estase apostando pola plantación de castiñeiros, noceiras, cerdeiras, carballos, abeleiras, bidueiros, freixos, ameneiros e pradairos. Nesta terceira fase 52 persoas solicitaron adherirse a dito plan, polo que se está actuando en 52 fincas que suman unhas 4 hectáreas de terreo forestal.
Investimento de 60.000 euros de fondos municipais
Este traballo realizase en coordinación entre o persoal técnico da Concellaría de Medio Ambiente e persoal contratado polo Concello para este fin. Deste xeito, unha técnica do departamento de Medio Ambiente márcalle diariamente as directrices do traballo a unha brigada, composta por un capataz e dous peóns. O Concello asume o custe da contratación deste persoal da brigada, que ronda os 34.000 euros, por un período de cinco meses.
A este importe hai que engadirlle o custe que supón dispor dun vehículo todoterreo e os equipo de protección individual (EPIS). Isto suma 8.000 euros, o que da un importe total de 42.000 euros. Ademais, o Concello asume o custe da compra de árbores e mailos traballos de preparación dos terreos para a posterior plantación que ascende a 18.000 euros. En total, o Concello destina 60.000 euros de fondos propios á segunda fase deste plan.

Contido relacionado

La Voz de Galicia: "Reforestar también es cosa de niños, sobre todo del Agro do Muíño"
Compostela 24 horas: "Os rapaces de Agro do Muíño colaboran na prevención de incendios en Ames"




