Pestanas principais

717 entradas rexistradas no Punto Limpo de Ames durante o mes de xaneiro

Sábado, 14 de febreiro de 2026

O centro de depósito de residuos do Concello de Ames rexistrou un total de 717 entradas, 17 máis que o mes anterior, repartidas en 705 no Punto Limpo do Milladoiro, na rúa das Hedras, e 12 no Punto Limpo Móbil durante o pasado mes xaneiro. Cifras que volven poñer de manifesto a responsabilidade de toda a veciñanza de Ames en materia medioambiental e a importancia de separar e reciclar residuos. O Punto Limpo está situado na rúa das Hedras do parque empresarial Novo Milladoiro e ata alí pode achegarse toda a veciñanza de Ames para desfacerse de aqueles obxectos e materiais que non van aos colectores convencionais.

Tanto a madeira como a mestura de formigón, ladrillos e outros materiais similares volveron ser os residuos máis depositados no emprazamento do Milladoiro, cun total de 3.515 e 3.297 quilogramos, respectivamente. Ademais, Os usuarios e usuarias tamén desbotaron 1.126 quilogramos de metais, 503 quilogramos de plásticos e 916 unidades de pequenos aparatos eléctricos e electrónicos (PAES).

En canto ao Punto Limpo móbil, os PAES foron os residuos máis recorrentes, cun total de 13 unidades. A madeira, con 7 quilogramos, os residuos fluorescentes, con 6 quilogramos, e o aceite vexetal e os plásticos, con 5 quilogramos, foron outros dos refugallos con máis entradas rexistradas nesta unidade móbil. 

Mes a mes, as cifras do rexistro en ambos centros de depósito de residuos seguen poñendo de manifesto do nivel de concienciación da veciñanza amesá co medio ambiente e coa importancia que ten para o noso día a día a reciclaxe e a reutilización dos residuos xerados. 

Horario e teléfono de contacto do Punto Limpo
O Punto Limpo está situado na rúa das Hedras do parque empresarial Novo Milladoiro e ata alí pode achegarse toda a veciñanza de Ames para desfacerse de aqueles obxectos e materiais que non van aos colectores convencionais de materiais orgánicos, inorgánicos, vidro ou papel. Recentemente, ampliou o seu horario, e ofrece os seus servizos de luns a sábado en horario de mañá e de tarde. Así, o Punto Limpo abre de 9:00 a 15:00 horas e de 16:00 a 20:00 horas, seis días á semana. As persoas que teñan calquera dúbida poden chamar ao teléfono 981 53 66 88.

Os voluminosos deben entregarse no Punto Limpo. Outra opción é chamar aos números de teléfono 981 19 12 40 ou 639 10 76 38, e acordar unha data e un lugar para depositalos xunto ao contedor máis próximo e que, posteriormente, sexan recollidos.

Ampliación do servizo do Punto limpo móbil
O servizo do Punto limpo móbil, que encontrou en funcionamento no 2023, ampliou os seus servizos. Deste xeito, o último sábado de cada mes o Punto limpo móbil presta servizo nas urbanizacións de Aldea Nova, As Mimosas e Agro do Muíño, nos seguintes horarios:

-Urbanización de Aldea Nova: está diante do Centro de usos múltiples de Aldea Nova, en horario de 11.00 a 11.45 horas.
-Urbanización de Agro do Muíño: está na dársena de autobuses do CEIP Agro do Muíño, en horario de 12.00 a 12.45 horas.
-Urbanización de As Mimosas: está na zona da piscina, en horario de 12.55 a 13.30 horas.

O vehículo consta dunha plataforma móbil que se abre en dúas metades deixando un corredor central desde o que se accede aos colectores específicos para cada tipo de residuo. Nel hai un operario para axudar a que todos os residuos se depositen no colector que lles corresponde.

Os residuos que se poden depositar no punto limpo son aerosois, aceite doméstico, baterías e acumuladores, CD, DVD, disquetes e casetes, cristal, xoguetes, lámpadas e fluorescentes, pequenos electrodomésticos electrónicos (televisores, microondas, ordenadores, etc.), pilas, pinturas e vernices, radiografías, roupa e calzado e teléfonos móbiles.

717 entradas rexistradas no Punto Limpo de Ames durante o mes de xaneiro