Pestanas principais

70 persoas participan no III Torneo de tenis das escolas deportivas municipais

Martes, 12 de xuño de 2012

[12-06-2012] Os días 2 e 9 de xuño tivo lugar nos pavillóns polideportivos e nas pistas exteriores do Milladoiro e de Bertamiráns a terceira edición do Torneo de tenis, que se celebra dentro do programa das escolas deportivas municipais. O Concello pretende, a través deste programa, potenciar hábitos de vida saudables por medio do deporte e difundir valores tan importantes coma o respecto, o compañeirismo e a tolerancia. O terceiro torneo de tenis das escolas deportivas reuniu 70 persoas que competiron divididas en sete categorías diferentes dependendo da idade e do sexo.


O tenis é unha das actividades con maior éxito dentro das escolas deportivas municipais. Para consolidar esta tendencia, os días 2 e 9 de xuño tivo lugar o terceiro torneo de tenis das escolas deportivas, tras o éxito do celebrado os cursos pasados, sempre procurando dar un salto de calidade e de cantidade que faga este deporte atractivo para nenos e adultos. Durante este curso, na modalidade de tenis das escolas deportivas, participaron preto de 200 persoas.

O terceiro torneo de tenis das escolas deportivas reuniu a 70 nenos/as e adultos que competiron en sete categorías diferentes dependendo da idade e do sexo. As categorías quedaron establecidas do seguinte xeito: nenos/as de 6 a 11 anos masculino e feminino; rapaces e rapazas de 11 a 13 anos masculino e feminino; mozos/as de 14 a 18 anos masculino e persoas de máis de 19 anos masculino e feminino. Os familiares e amigos das persoas que participaron no torneo encheron de colorido aos pavillóns municipais. Tanto os nenos como os adultos quedaron moi satisfeitos con este terceiro torneo que cada ano ten máis participantes. Cómpre destacar que este ano duplicouse a participación.

O torneo comezou o sábado 2 de xuño e desenvolveuse ao longo de toda a mañá ata as 15:00 horas. Durante a primeira xornada realizouse a competición en todas as categorías excepto na dos nenos e nenas de 6 a 11 anos, que participaron no torneo de minitenis organizado no pavillón de Bertamiráns o sábado dia 9 de xuño. Ao finalizar a xornada do sábado, 9 de xuño, entregáronse os trofeos ao primeiro e segundo clasificado de cada categoría. Ademais, todos participantes levaron unha medalla.


Gañadores/as do torneo de tenis

Na categoría de máis de 19 anos masculina o primeiro clasificado foi Óscar Caamaño, mentres que no segundo posto quedou Eduardo Castelo. Neste mesma categoría, pero na modalidade feminina, a primeira clasificada foi Pilar Budiño e o segundo posto foi para María Tojo. Na categoría de 14 a 18 anos masculina, o primeiro clasificado foi Álvaro Veiga, e no segundo posto quedou Pablo Crespo. Na categoría de 11 a 13 anos masculina, os gañadores foron Nicolas Martínez e Juan González, mentres que na categoría feminina as mellores foron Noa Loureiro e Iria López. Por último, no torneo de minitenis dirixido a nenos/as de 6 a 10 anos os mellores foron Fran Gómez e Víctor Grande, na modalidade masculina, e María Pampín e Ana García, na modalidade feminina.

Con este evento, o tenis consolídase como unha disciplina referencial dentro das Escolas Deportivas Municipais. Desde a organización pretendeuse que este torneo represente o traballo do conxunto das escolas deportivas do Concello e a través del se transmita e dea a coñecer o esforzo, a dedicación e a profesionalidade tan importantes para a educación dos nenos que serán o futuro do concello e da sociedade.