Pestanas principais

70 nenos/as participarán na xornada de xogos acuáticos que acolle a piscina municipal cuberta A Telleira

Xoves, 29 de decembro de 2011

[29-12-2011] Este venres, 30 de decembro, os rapaces e rapazas de Ames poderán gozar dunha tarde pasada por auga. A piscina cuberta municipal A Telleira acolle unha xornada de xogos acuáticos. Esta actividade está enmarcada dentro da programación do Nadal 2011 que cada ano organiza o Concello de Ames. Para un mellor funcionamento da xornada os nenos e nenas estarán divididos en catro grupos dependendo da idade. Esta actividade, que se desenvolverá dende as 16:30 h ata as 19:30 horas, está dirixida aos rapaces e rapazas de entre 3 e 15 anos. A xornada de xogos acuáticos espertou un grande interese entre os pequenos xa que se cubriron as 70 prazas que se ofertaron e, incluso, quedaron 11 nenos/as en lista de agarda.

Aínda que o frío non dá tregua nesta época, os cativos e cativas teñen unha ampla gama de actividades para non quedar na casa durante as vacacións. Como parte do programa de Nadal, este venres a piscina municipal organizará unha tarde de xogos acuáticos para esquecerse da friaxe e promover a práctica de deporte. Non deben esquecer o traxe de baño, a toalla, o gorro e mailas chancletas os que desexen ser partícipes desta xornada na que a auga será a gran protagonista.

Co fin de evitar aglomeracións a organización dividiu a actividade en catro grupos distintos, en función das idades dos nenos, para que poidan desenvolver sen problemas os distintos xogos que os monitores da piscina pública municipal da Telleira teñen preparados.

Para os nenos e nenas de entre 3 e 6 anos haberá dous grupos de vinte prazas cada un. O primeiro grupo gozará da piscina climatizada dende as 16:30 horas ata as 17:00 horas, mentres que o segundo farao dende as 17:00 h ata as 17:30 horas. A partir de aí, entrarán na auga os nenos e nenas de entre 7 e 10 anos para xogar con balóns, esvarar polos tobogáns inchables e tirarse dos trampolíns dende as 17:30 ata as 18:30 horas. Os últimos en poñerse a salpicar cos compañeiros durante a xincana serán os rapaces de entre 11 e 15 anos que terán a súa hora reservada entre as 18:30 horas e as 19:30 horas.

Esta iniciativa está dirixida aos máis pequenos para que se divirtan durante as vacacións de Nadal que comezaron o pasado 22 de decembro. Entre outras, tamén poderán gozar de veladas de cine, obradoiros culturais, música para todos os públicos e diferentes obras de teatro.

Todas estas actividades terán o seu punto forte o día 5 de xaneiro coa visita dos Reis Magos, que visitarán os pavillóns polideportivos de Bertamiráns e do Milladoiro. Os reis repartirán caramelos e recibirán os máis cativos para que estes non esquezan esa tarde facilmente.