Pestanas principais

7 nenos e nenas saharauís pasarán o verán con familias amesás

Martes, 17 de xullo de 2018

[17-07-2018] Un ano máis o Concello de Ames colabora co programa Vacacións en Paz, que leva a cabo a Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí, a través do cal as familias do municipio acoller durante os meses de xullo e agosto nenos e nenas saharauís. Nesta edición son 7 familias amesás as que acollen a 4 nenos e 3 nenas ata o vindeiro 6 de setembro. Estes rapaces e rapazas chegaron a Ames os días 6 e 10 de xullo, sendo recibidos pola concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, Luísa Feijóo.

Alien, Jadiya, Aicha, Jalil, Ensaha, Brahim e Hassana son os 4 nenos e 3 nenas que chegaron a Ames os pasado días 6 e 10 de xullo. Ambos os dous días foron recibidos pola concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, Luísa Feijóo, a unha e dúas da madrugada respectivamente. Deste xeito, 7 familias de Ames volven a participar durante este verán co programa Vacacións en Paz, que leva a cabo a Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí. Os 7 rapaces e rapazas estarán en Ames ata o vindeiro 6 de setembro.

As familias amesás demostran unha vez máis a súa solidariedade acollendo a 7 nenos e nenas saharauís. Este programa preséntase nun marco de solidariedade e axuda desinteresada co fin de propiciarlles unha estancia agradable e humanamente rica aos rapaces e rapazas saharauís. Trátase de ofrecerlles a estes nenos/as, que naceron nun clima de guerra, a posibilidade de coñecer outros xeitos de vida, de maneira que iso contribúa, a súa formación.

O goberno municipal asinou de novo este ano un convenio de colaboración coa asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí, a través do cal durante os meses de xullo e agosto estes 7 nenos/as saharauís pasarán as súas vacacións en Ames. O Concello actúa de mediador entre as familias amesás e esta asociación para xestionar a estadía dos rapaces e rapazas saharauís en Ames. A Administración local encárgase de pagar o billete de avión (ida e volta) de cada rapaz/a.

A concelleira de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, Luísa Feijóo, explica que a vontade do Concello é manter o seu compromiso con este proxecto solidario coas nenas e nenos do Sáhara. “A intención deste goberno é seguir nesta liña e de cara a vindeiros anos queremos manter a colaboración que tempos con Sogaps Galicia, xa que isto permite que varias nenas e nenos do Sáhara poidan convivir con familias do noso municipio”.



Contido relacionado


Compostela 24 Horas: "7 nenos e nenas saharauís pasarán o verán con familias amesás"
El Correo Gallego: "Varios Concellos de Área reciben aos nenos saharauís"