[30-04-2015] O Concello de Ames organiza un ano máis unha excursión a Portugal, que terá lugar este sábado. Un total de 69 persoas, 30 do Milladoiro e 39 de Bertamiráns, visitarán as localidades lusas de Vilanova de Cerveira e Valença do Minho. Esta actividade, dirixida ás persoas empadroadas no Concello de Ames, ten un custo de 25 euros e inclúe o desprazamento, o almorzo e o xantar.
A viaxe iniciarase ás 9:00 horas, tanto desde Bertamiráns como desde O Milladoiro. Ás 10:00 está prevista a chegada a Tui, onde se fará unha parada para almorzar. Media hora despois retomarase o traxecto cara a Vilanova de Cerveira, a onde está previsto chegar sobre as 11:00 horas. Os asistentes terán tempo de visitar a localidade e a feira que se celebra cada sábado. A partir das 14:00 horas será o xantar e a continuación unha sesión de baile.
Á tarde realizarase a saída en autobús cara a Valença do Minho, a onde está previsto chegar sobre as 17:00 horas. Ata as 19:00 horas, as persoas que participen na excursión terán tempo libre para visitar a Fortaleza e o tradicional mercado dos sábados. A volta a Ames está prevista para as 20:30 horas.




