- Tematica
O departamento de Normalización Lingüística de Ames continúa programando actividades dentro do programa Apego. Desta volta, 25 rapaces e rapazas, acompañados das súas familias, participaron nunha excursión para darlle a benvida ao outono. Durante a actividade, que se realizou o pasado sábado 28 de setembro, visitaron o Pazo de Arxeriz, no Cabo do Mundo, e estiveron en Carballolandia, un ecoparque situado no concello de Chantada, na Ribeira Sacra, á beira do río Miño. A programación do Apego para o segundo semestre do 2024 pode consultarse premendo nesta ligazón.
Carballolandia é un ecoparque situado no concello de Chantada, na Ribeira Sacra, á beira do río Miño. O recinto está formado por un amplo espazo natural, ideal para que grupos e familias gocen do entorno e das diferentes actividades ao aire libre.
A xornada do pasado sábado, 28 de setembro, comezou cunha visita ao Ecomuseo de Arxeriz, no Cabo do Mundo, onde se integran e combinan os espazos expositivos das salas, no interior dos edificios, co entorno da finca, os xardíns, a horta, o castro e o bosque. Continuou na chousa de Carballolandia, onde realizaron numerosas actividades ao aire libre, conducidas por Anxo Moure, o carballo con botas. E rematou na aldea de Belesar, remando no último batuxo do Miño e gozando da poesía e das uvas.
Deste xeito, os cativos e cativas puideron gozar de contos nas árbores, paseos, xogos populares, xogo libre, bautizo en barca de río... e achegáronse ao mundo das árbores autóctonas, da contorna fluvial e dos seres mitolóxicos galegos, nun espazo natural pensado para o lecer e para a convivencia.
O programa Apego, un vehículo de transmisión da lingua
O programa Apego é un proxecto colaborativo no que participan varios concellos, entre os que se inclúe Ames, e que vai dirixido ás familias que estean a esperar un bebé ou que teñan crianzas entre 0 e 6 anos. O seu obxectivo é promover, apoiar e normalizar o uso do galego na socialización da primeira infancia, empregando distintas actividades e recursos.
As familias interesadas en sumarse á iniciativa poden facelo poñéndose en contacto co Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames, escribindo un correo a normalizacion@concellodeames.gal ou chamando ao número de teléfono 662 377 215. Así mesmo, tamén poden facelo cubrindo o formulario “Súmate ao apego”, que está dispoñible na páxina web do programa, apego.gal.