[01-08-2016] Un total de 55 nenos e nenas amesáns comezaron hoxe os cursos de natación, que se desenvolven nas piscinas descubertas de Bertamiráns e do Milladoiro. No pasado mes de xullo participaron nestes mesmo cursos uns 50 rapaces e rapazas, o que eleva a cifra de participación a máis de 100 usuarios/as. Ademais, nos cursos de piragüismo, que se levan a cabo na praia fluvial de Tapia, hai inscritos 31 rapaces e rapazas.

Durante todo o mes de agosto as piscinas descubertas de Bertamiráns e do Milladoiro acollerán a un total de 55 nenos e nenas, que comezaron hoxe os cursos de natación organizados polo Concello de Ames. Ademais de gozar da auga, os rapaces e rapazas aprenden a nadar ou perfeccionar o seu estilo. O programa está dedicado a ocupar o tempo de lecer dos nenos e nenas durante as vacacións do verán. Deste xeito, tamén aprenden a practicar un deporte novo. Para este mes, cubríronse 25 prazas en Bertamiráns e 30 no Milladoiro. No pasado mes de xullo participaron nestes mesmo cursos uns 50 rapaces e rapazas, o que eleva a cifra de participación a máis de 100 nenos/as.
Os usuarios/as repártense en diferentes horarios ao longo da mañá. Deste xeito, os maiores de 12 anos asisten ao curso de 10:30 h a 11:15 horas. Aos rapaces de 10 a 11 anos tócalles a segunda quenda, de 11:15 h ás 12:00 horas. De 12:00 h á 12:45 horas desenvólvese a terceira quenda, á que asisten os rapaces de 8 a 9 anos, e de 12:45 h a 13:30 horas van os nenos e nenas de 6 a 7 anos. A última quenda resérvase para os máis cativos, de entre 3 e 5 anos, e levase a cabo de 13:30 h a 14:15 horas.
Ademais, estanse impartindo cursos de iniciación ao piragüismo na praia fluvial de Tapia. Nesta actividade, que está dirixida aos nenos/as 8 a 14 anos, están participando 31 usuario/as. Durante o mes de agosto as clases impartiranse os mércores e venres, en horario de 16:30 a 17:30 horas. Os rapaces e rapazas que participan nesta iniciativa poden iniciarse ou perfeccionar a súa técnica. Esta actividade está sendo impartida polo Club de Piragüismo Ribeiras do Tambre e conta coa colaboración da Deputación da Coruña.




