Pestanas principais

50 rapazas e rapaces participan en xullo nos campamentos urbanos da Aula da Natureza

Venres, 22 de xullo de 2022

A Aula da Natureza está a desenvolver ao longo do mes de xullo os seus campamentos urbanos, dirixidos á rapazada de 6 a 14 anos, e que se realizan nas propias instalacións da aula, situadas na Ameixenda. Uns 50 nenos e nenas completaron as prazas dos campamentos, repartidos entre unha primeira quenda, que se celebrou do 4 ao 15 de xullo, e a segunda, que comezou este luns 18 e rematará o 29 de xullo. As actividades realizadas inclúen obradoiros, saídas, xogos e concursos, co foco posto no coidado e o coñecemento da natureza, o traballo en equipo e a empatía.

Os campamentos urbanos da Aula da Natureza, parte do servizo de Campamentos de Verán 2022 do Concello de Ames, son unha proposta diferente ás demais propostas deste conxunto, xa que se desenvolven de 10:00 a 18:00 horas no propio concello, nas instalacións da Aula da Natureza na Ameixenda, e contan cunha franxa de idade máis ampla, dos 6 aos 14 anos.

Para estes campamentos ofertáronse 50 prazas, repartidas en dúas quendas, do 4 ao 15 e do 18 ao 29 de xullo, para as que houbo unha gran demanda e se cubriron todos os ocos. Na primeira edición, realizada na primeira quincena de mes, houbo unha meirande parte de cativada entre 6 e 10 anos. Pola súa parte, na segunda quenda, que comezou este luns 18, ao menos a metade dos rapaces e rapazas son máis maiores, entre 10 e 14 anos. Malia esta aparente diferenza de idade, as actividades realizadas adáptanse a ambas franxas, entre as que se traballa a empatía e o compañeirismo.

Deste xeito, unha boa parte das propostas que xa se desenvolveron na primeira quenda de campamento volverán a levarse a cabo neste segundo grupo. Ao longo das dúas semanas realizáronse varias saídas, como unha pequena saída ambiental polas pozas de Riamontes ou a ruta Lens – Oca – Tapia, ambas rematadas cun refrescante baño para combater a calor das primeiras semanas de xullo. Tamén se percorreu un pequeno tramo do Camiño de Fisterra, entre O Lombao e Augapesada, amenizada por historias medievais e de vikingos. Neste senso, moitas das actividades de exteriores foron adaptándose á vaga de calor, reservándoas habitualmente para as primeiras horas de campamento.

Por outra banda, houbo tempo para obradoiros e talleres, moi vinculados coa natureza e co respecto polo noso entorno. Realizouse un taller de construción de refuxios e de técnicas de supervivencia; creáronse refuxios para a fauna e insectos, cadernos botánicos e mesmo artesanía vexetal, e a rapazada recibiu a visita de Miguel Santamaría, un experto en insectos que trouxo consigo unha serie de bolboretas, tarántulas, insectos pau e cascudas, que os nenos e nenas puideron coñecer en detalle, ver de preto e tocar.

Ademais, tamén se realizaron concursos, de cociña, de coreografías musicais ou de canto, e xogos, como os guerreiros pantasmas, a representación de contos clásicos, busca do tesouro, sen esquecer unha das actividades preferidas pola rapazada, o brilé.

Todas estas actividades desenvolveranse de novo na segunda quenda, que comezou esta semana, e que conta cun grupo máis numeroso de rapazas e rapaces de 10 a 14 anos. Por este motivo, incluiranse tamén novas propostas, como a colaboración no mantemento da ruta de Riamonte, retirando hedras e coidando os carteis informativos; unha nova saída á fraga de Catasós, ou a disección dun corazón para coñecer o seu funcionamento.

A técnica responsable da Aula da Natureza, Patricia Reboreda, destacou os vínculos que se forman nestes campamentos ano tras ano. “Isto é un pouco como unha familia, a relación que temos entre os nenos, os maiores, os pequenos, monitores, monitoras. A sensación de ver un ano despois a amizades que non ves, compartir o mesmo espazo, e sobre todo o aire libre, que facilita todo moito. Normalmente con 25 prazas por quenda é suficiente, pero este ano quedaron moitos rapaces quedaron sin poder vir, teremos que telo en conta para o ano. Moitos repiten, outros empezan novos, tamén é bonito porque algúns dos monitores estivo como acampado aquí”.

Pola súa banda, o concelleiro de Medio Ambiente, Manuel Lens, incidiu na gran recepción que están a ter estas propostas de verán no concello. “É unha gran nova que dende que cambiamos o horario a toda a xornada aumentase tanto a demanda, de feito este ano quedaron nenos e nenas fóra, tendo en conta que non podían repetir entre as quendas. É unha sorpresa moi grata a aceptación que están a ter estes campamentos entre os rapaces e as familias. Aquí fórmanse grupos de amizades que perduran no tempo, encántalles vir aquí e pasar parte do verán”.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Os campamentos da Aula da Natureza contan con cincuenta nenos este xullo"

Rapazada na segunda quenda dos campamentos urbanos

Multimedia

  • Rapazada da segunda quenda no obradoiro de Miguel Santamaría sobre insectos
  • Rapazada da segunda quenda no obradoiro de Miguel Santamaría sobre insectos
  • Rapazada da segunda quenda no obradoiro de Miguel Santamaría sobre insectos
  • Rapazada da segunda quenda no obradoiro de refuxios para insectos
  • Rapazada da primeira quenda nas pozas de Riamontes
  • Rapazada da primeira quenda no taller de refuxios para fauna
  • Rapazada da primeira quenda no obradoiro de técnicas de supervivencia e construción de refuxios
  • Rapazada da primeira quenda na ruta Lens - Oca - Tapia
  • Rapazada da primeira quenda nos obradoiros con vexetais