Pestanas principais

50 pilotos participarán este domingo no Gran Premio de Supercross Concello de Ames

Venres, 15 de xuño de 2018

[15-06-2018] O Motoclub Ameixenda, en colaboración co Concello de Ames e a Deputación da Coruña, organiza este domingo, 17 de xuño, a proba de supercross “Gran Premio de Supercross Concello de Ames 2018”, que se desenvolverá no circuíto SX “Alex de Moure”, situado no lugar do Vilar na parroquia da Ameixenda. Nesta proba participarán 50 pilotos de supercross de toda Galicia, na primeira proba que se celebra este ano en Ames. Pola mañá desenvolveranse as verificacións técnicas e administrativas e os adestramentos libres e, a partir das 16:00 horas, dará o comezo da proba.

Logo de verse na obriga da adiar este “Gran Premio de Supercross Concello de Ames 2018” por mor das condicións meteorolóxicas, chega este domingo a Ames unha das probas de referencia do deporte de motor na nosa comunidade. O circuito SX “Alex de Moure” acollerá unha vez máis o desenvolvemento deste xa clásico Gran Premio do Concello de Ames. O recinto, de máis de 17.000 metros cadrados, conta cun amplo aparcadoiro, situado a escasos metros da pista de competición, e cunhas condicións óptimas tanto para a práctica do deporte como para a contemplación desta modalidade deportiva.

Os participantes inscritos na proba estarán divididos en dez categorías diferentes: féminas, elite, veteranos +38, promoción, hobby (pilotos noveis en competición), promesas 85 cc, promesas, alevíns +8 anos, alevín -8 anos, e alevíns. Ademais, contémplase a posibilidade de crear dúas novas categorías: clásicas e pit-bike, sempre que, tanto sós como xuntos, sumen un mínimo de 7 pilotos, e con un mínimo de tres pilotos por categoría. No caso de que nunha categoría non se chegue a un mínimo de 7 pilotos poderíanse xuntar os pilotos nunha única proba e puntuarse por separado cada categoría.

Pola mañá, entre as 9:00 e as 11:00 horas, desenvolveranse as verificacións técnicas e administrativas. De seguido, a partir das 11:00 horas, os pilotos participarán nos adestramentos libres e de clasificación. Este é o momento no que os deportistas toman contacto coa pista na que van ter que competir e mostrar as súas habilidades. Ás 16:00 horas dará comezo a proba que se compón de dúas mangas por categoría. Ao remate da proba realizarase a entrega de trofeos.