Pestanas principais

50 familias de Ames benefícianse das axudas do Concello para familias numerosas con menos recursos

Martes, 26 de outubro de 2021

A Xunta de Goberno Local aprobou este xoves 21 de outubro a concesión das axudas destinadas ao apoio das familias numerosas do Concello de Ames, que ascende a un total de 60.000 euros repartidos entre 50 familias. As axudas consisten nun único pagamento por unidade familiar de 1.200 euros. Optaron a estas subvencións familias numerosas que leven ao menos un ano de antigüidade sen interrupción coa súa residencia habitual no municipio amesán, e que cumpran cos requisitos de renda e débeda coas administracións tributarias.

O obxectivo da Concellaría de Benestar Social, a través desta convocatoria, é proporcionar apoio económico a aquelas familias numerosas con menos recursos, favorecendo o incremento de poboación e contribuíndo a fixala no territorio, actuando no segmento de idade máis atractivo para facer posible e sustentable o crecemento demográfico do concello.

O criterio para determinar que é unha familia numerosa está marcado pola Consellaría de Política Social da Xunta de Galicia, ou ben polos organismos análogos doutras comunidades autónomas.

O prazo de presentación da convocatoria abriuse o pasado 18 de xuño, un día despois da súa publicación no Boletín Oficial da Provincia da Coruña (BOP), e rematou o 15 de xullo, cunha contía máxima de 100.000 euros e con 86 solicitudes presentadas dentro do período establecido.

Por outra banda, denegóuselle a axuda a unhas 35 familias, ao non cumpriren os requisitos de renda máxima, de antigüidade vivindo no concello ou de débeda coas administracións tributarias ou Seguridade Social, establecidos nas bases acordadas na Xunta de Goberno Local do pasado 10 de xuño de 2021. Ademais, dúas familias máis presentaron a súa solicitude fóra de prazo, e outra persoa retirou a súa tramitación. Foi a comisión avaliadora das axudas a que acordou e propuxo a resolución á Xunta de Goberno Local, o pasado 14 de outubro, co posterior informe favorable da interventora local.

A concelleira de Benestar Social, Luísa Feijóo, sinalou que “estas axudas son puntuais e van dirixidas ás familias numerosas do noso Concello con menos recursos. A nosa realidade indícanos que temos uns segmentos de poboación moi variados, e que hai un número importante de familias para as que estas axudas son imprescindibles á hora de abordar os seus gastos correntes ou algún gasto extraordinario. Aínda que Ames sexa un concello novo e cun saldo vexetativo positivo importante, as familias numerosas xogan un papel destacado á hora de reverter a situación demográfica xeral, polo que o Concello de Ames seguirá apostando por este tipo de axudas que, aínda que non teñen un importe moi elevado por familia, si considero que son necesarias, xa que supoñen un apoio as súas economías”.

Novas relacionadas

El Correo Gallego: "Subvencionan a cincuenta de las familias numerosas con menos ingresos"

AMSGO!: "Ata 50 familias reciben axudas municipais en Ames por baixos recursos"

50 familias de Ames benefícianse das axudas do Concello para familias numerosas con menos recursos