Pestanas principais

50 familias amesás participarán mañá no obradoiro Orella Pendella de cancións e recitados infantís do programa Apego

Xoves, 14 de setembro de 2017

[14-09-2017] Este venres, 15 de setembro, regresan as actividades do programa Apego ao Concello de Ames. Será da man de Migallas Teatro que vai desenvolver o obradoiro de Orella Pendella de cancións e recitados infantís. Nas dúas sesións deste obradoiro participan 50 familias, Cubríronse todas as prazas dispoñibles e arredor de 160 persoas levarán os petos cheos de recursos para seguir xogando e cantando nas súas casas. O obradoiro está dirixido a nenas e nenos, entre os 0 e os 6 anos, acompañados por unha ou dúas persoas adultas.

Bea Campos e Paulo Medal, de Migallas Teatro, serán os encargados de desenvolver o obradoiro Orella Pendella, no que as crianzas acompañadas de nais e pais, avós, avoas... aprenderán, de maneira práctica e divertida, ditos, recitados e cancións infantís. O obxectivo deste obradoiro é o de recuperar e devolver ás familias o patrimonio lingüístico que se viña herdando de xeración en xeración.

Neste obradoiro, no que haberá música en directo, ensinaranse ditos, xogos, contos, recitados e cancións infantís, a partir do traballo recollido en www.orellapendella.gal. Están previstas dúas sesións de 45 minutos cada unha: a primeira ás 18:00h e a segunda ás 19:00 horas. As dúas funcións desenvolveranse na Casa da Cultura do Milladoiro e contarán con arredor de 160 persoas (80 por sesión). En cada función inscribíronse 25 familias.

A actividade insírese dentro do programa Apego. Un proxecto colectivo que quere acompañar e apoiar ás familias na transmisión do galego ás nenas e nenos durante os seus primeiros anos de vida (nomeadamente, entre os 0 e os 6 anos). O programa busca reforzar nas crianzas a identidade coa familia e coas súas raíces a través de xogos, contacontos, festas, xornadas de convivencia e outras actividades.

Contido relacionado


El Correo Gallego: "Apego volta con Migallas Teatro e o seu obradoiro de canto hoxe ó Milladoiro"