[08-07-2011] O Concello de Ames colabora por oitavo ano consecutivo co programa Vacacións en Paz que leva a cabo a Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí, onde as familias do concello poden acoller durante os meses do verán a nenos e nenas saharauís que viven nunha situación complexa nos campamentos de refuxiados de Tindouf en Alxeria. No presente ano un total de cinco rapaces xa se atopan coas súas familias de verán para pasar unhas vacacións tranquilas e divertidas. Hafdala é un destes nenos e esta semana acudiu por segunda vez as instalacións de Radio Ames para achegarnos un pouco máis a súas experiencias persoais coa súa familia adoptiva.
Un ano máis, o Concello de Ames colabora do programa Vacacións en Paz, levado a cabo pola Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí. Este programa responde a un marco de solidariedade e axuda desinteresada para ofrecerlles unha estancia agradable e rica aos nenos saharauís e para que coñezan outros xeitos de vida que contribúan á súa formación, pero tamén para potenciar a comunicación e entendemento entre dous pobos, como son o español e o saharauí.
Este ano, o Concello de Ames acolle a cinco nenos e nenas do Sáhara a través desta campaña. Esta colaboración entre a Administración local e a asociación materialízase tamén nunha achega económica de 4.450 euros, mediante a cal se sufraga a viaxe e a estadía dos cativos e cativas en Ames.
Nesta semana, Hafdala, un dos nenos saharauís de acollida, visitou por segundo ano consecutivo as instalacións de Radio Ames, para deixar constancia das súas experiencias. Hafdala pertence a unha familia de 8 irmáns, dos que case todos, agás as tres irmáns bastante máis maiores, viñeron a España e falan español (e teñen clases deste idioma todas as tardes do curso lectivo).
Como sinala Ester, unha das persoas da súa familia adoptiva, Hafdala,é un neno que goza moito desta experiencia e que, aínda que ao chegar lle costa un pouco máis relacionarse, deseguida se solta. Ademais, le e escribe ben en español e, polas noites, ambos os dous len un conto antes de durmir. O cariño que amosan ambos evidente, pero, ao ser unha acollida temporal, Ester sinala que hai que ter claro que non é un cativo para adoptar e é moi difícil soportar a súa marcha todos os anos.
Hafdala é un cativo moi esperto e intelixente, de feito, esta viaxe é o premio por ser o número dous da súa clase. Non dúbida en repetir en reiteradas ocasións que o que máis lle gusta destas vacacións é ir a piscina e batuxar na auga, cousa impensable no Sáhara coa calor que vai. Conta divertido que non lle gusta comer queixo, nin ningún produto que conteña porco, que lle encanta pintar, escribir e ler e que de grande quere ser mecánico. E, sobre todo, que a súa maleta vai chea cando regresa ao Sáhara.
Estes nenos e nenas naceron nos campamentos de refuxiados saharauís que existen desde hai máis de 33 anos na zona da Hamada alxeriana en Tindouf. Son fillos dos saharauís que abandonaron de xeito forzoso os seus fogares instalados no territorio do antigo Sáhara español en 1975, e sobreviven hoxe en día grazas á axuda internacional. Soportan temperaturas que superan os 50ºC durante o verán (este ano aínda está sendo máis caloroso) e sofren diversos déficits alimentarios e de asistencia médica.
Ester ve o futuro de Hafdala difícil, xa que non ten moitas posibilidades de poder vir a estudar ao noso país, tanto polo pasaporte como pola situación política que se está a vivir en Alxeria. O propio neno conta que a situación empeorou neste ano e que súa nai ten que ir constantemente facer papeis a Alxeria, país a onde iría a súa familia ante unha posible invasión marroquí.
"Para min son nenos especiais; Hafadla é un neno moi educado, obediente e goza moito de todo", sinala Ester, e engade que, cando a xente lle di que o cativo ten moita sorte de estar aquí, ela contesta que "a sorte a teño eu xa que o que este neno dá diariamente, as cousas que di e que conta, ou esas conversas á noite... non hai nada que o poida pagar".




